Laracha adica máis de dous millóns ás políticas sociais e ao emprego
A Laracha. A Corporación da Laracha aprobou onte o orzamento municipal de 2021 cos votos a favor dos concelleiros do goberno (PP) e o posicionamento en contra dos edís do PSOE e BNG.
Dos 8.305.000 euros do total, máis de dous están consignados para políticas sociais e a promoción do emprego. Tamén manterán as convocatorias de subvencións para estudantes, tanto as axudas á escolarización como para a adquisicón de material informático, ás que o Concello destinará un total de 75.000 euros.
O alcalde, José Manuel López, asegura que son uns orzamentos nos que “as persoas están no centro da política municipal”. Sinalou ademais que “a evolución da pandemia e as súas consecuencias é o que máis nos preocupa”, e lembrou que no exercicio actual o Concello larachés adicou 405.000 euros ao apoio económico directo ao tecido empresarial.
No capítulo de investimentos reais en infraestruturas, dotado con 863.000 euros, incluíuse a creación dunha pista de skate na parte posterior do IES Agra de Leborís para dar resposta ao “aumento de persoas que practican esta modalidade deportiva, a maioría xoves”. M. LAVANDEIRA