Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Laracha adica o 20 % do orzamento a gasto social

A Corporación local aprobou os orzamentos municipais para 2022, por un importe total de 8.618.000 euros, o que supón 313.000 € máis que en 2021, motivado pola maior participación nos ingresos do Estado e polo reforzamento nas achegas da Xunta e da Deputación da Coruña para o financiamento de programas de servizos sociais e actuacións de investimento en infraestruturas municipais.

As contas tiveron os votos a favor do grupo de goberno (PP), a abstención do PSOE e o posicionamento en contra dos dous concelleiros do BNG. O alcalde, José Manuel López Varela, sinalou que “son previsións iniciais ás que se irán facendo ao longo do ano as modificacións correspondentes segundo as necesidades que se presenten”. Referiuse aos servizos sociais como “un puntal importante da acción do grupo de goberno”, destinando a eles 1.775.000 euros, o que supón o 20% do total dos orzamentos. Neste sentido, destacou o reforzamento de servizos como o de axuda no fogar “para que ninguén quede sen atención e poidan recibila todas as persoas que a precisen”.

López Varela tamén explicou que os capítulos de investimentos reais e transferencias de capital deben entenderse como un único, xa que os 1.240.000 euros que suman entre ambos irá integramente á mellora de infraestruturas públicas.

Por unha banda están os máis de 834.000 euros consignados para actuacións na rede viaria das trece parroquias do municipio e, por outra banda, as achegas municipais para o cofinanciamento coa Xunta de Galicia dos proxectos de construción da nova estación de tratamento de auga potable e de humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco.

Neste apartado de investimentos, o alcalde mostrou a súa preocupación polo retraso no pagamento por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- das achegas correspondentes para o financiamento dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética xa concluídos. Detallou que o Concello adiantou 1,2 millóns de euros para a execución das actuacións –cantidade que inclúe tanto a parte de financiamento que corresponde ao propio Concello como a que debe facer fronte o IDAE-, pero que “a día de hoxe non se ingresou nin un céntimo das subvencións concedidas, o que está a supoñer un importante problema de tesourería” para as arcas municipais.

En relación á promoción do emprego, lembrou que actualmente o Concello da Laracha ten en marcha, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade, tanto un obradoiro dual de emprego como un programa integrado de emprego, e “imos continuar no futuro por esa liña”.

López Varela concluíu facendo referencia á conxelación de taxas e impostos como outro piar fundamental da xestión do grupo de goberno: “seguiremos prestando todos os servizos aos laracheses cos prezos máis económicos posibles, porque xa bastante teñen os cidadáns con asumir os incrementos do IPC, da electricidade e dos carburantes”.

Ademais dos orzamentos, na sesión plenaria tamén foron aprobados a creación e inclusión na relación de postos de traballo dunha praza de auxiliar administrativo adscrita á unidade de rexistro, padrón e atención ao público do departamento de Secretaría e Administración Xeral –coa abstención do BNG e o voto a favor do PSOE- e do recoñecemento do complemento de antigüidade ao persoal laboral fixo, indefinido e temporal mediante o sistema de trienios, tal e como fora negociado previamente coa representación sindical –neste caso, por unanimidade dos tres grupos-.

08 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.