Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Laracha suma ao patrimonio municipal o gran menhir de Erboedo

Investirá oito mil euros para mercar os terreos que acollen este legado da Idade do Bronce

A Laracha. O goberno local elevou a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo –tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho- unha vez superado o período de información pública. O Concello investirá 8.000 euros na adquisición dunha superficie de 4.651 metros cadrados co propósito de preservar o valor histórico do que é un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.

O menhir de Erboedo está datado na Idade de Bronce. Trátase dunha pedra de granito groso, con vetas de cuarzo e feldespato, que alcanza os dous metros de altura. Na súa base posúe catro pedras do mesmo material a modo de calzos de apoio.

O executivo larachés xa impulsara o Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de ofrecerlle a máxima protección a este menhir e a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal: castro de Montes Claros, castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres, e posibilitar a súa adquisición para conservalos e poñelos en valor.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, visitaron o lugar no que se sitúa o menhir para coñecer o seu estado actual antes de pasar a a ser de titularidade pública.

Por outra banda, a Xunta de Gobernoacordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto dun novo programa de voluntariado xuvenil ao abeiro da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de iniciativas desas características. O propósito esencial é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Concello pretende ofrecer á mocidade participar como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se levarán a cabo nos próximos meses. Os voluntarios recibirían dos profesionais municipais a orientación, formación e apoio necesarios e, ao rematar a participación, entregaríaselles un certificado oficial pola súa colaboración e recoñecendo o seu valor social.

17 abr 2021 / 15:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.