Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Infraestruturas. Está orzamentada en máis dun millón de euros e terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros // Prevén que esté rematada a principios de 2022 // Completará o plan de itinerarios a pé da comarca de Bergantiños TEXTO José M. Ramos

Licitan a senda peonil e ciclista para unir Carballo e Coristanco

Carballo e Coristanco estarán unidos no 2022 por unha senda peonil e ciclista de 2,5 quilómetros. Así o confirmou este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a visita á capital de Bergantiños para supervisar a contorna da estrada AC-552 na que se acometerá esta actuación.

Anunciou que xa se convocou a licitación das obras por máis de 1 millón de euros a través da Plataforma de Contratos Públicos, e as empresas interesadas en executar este proxecto teñen de prazo ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A responsable de Infraestruturas avanzou que o obxectivo é iniciar os traballos a finais da primavera e telos rematados a principios de 2022, xa que contan cun prazo de execución previsto de 8 meses.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, que permitirá reforzar e compatibilizar a seguridade viaria de todos os usuarios da estrada, con especial atención aos máis vulnerables.

O novo itinerario terá unha lonxitude de preto de 2,5 quilómetros de lonxitude. Iniciarase á saída de Carballo e rematará no punto no que comezan as beirarrúas do municipio veciño de Coristanco. O proxecto contempla dous treitos, actuando tanto na marxe esquerda da estrada, como polo lado dereito.

Pola marxe esquerda, serán case 1,9 quilómetros de nova senda, que irán desde a saída da capital de Bergantiños ata conectar coa beirarrúa existente no núcleo de Montecelo, xa en Coristanco, continuando a beirarrúa ata o núcleo da capital municipal coristanquesa.

E pola marxe dereita da estrada AC-552, habilitarase unha senda ata as inmediacións da fábrica de Conservas Calvo, de aproximadamente seiscentos metros. Co obxectivo de darlle continuidade ao itinerario sobre o río Grande, executarase tamén unha pequena pasarela adosada ao viaduto existente.

O proxecto tamén prevé traballos de pavimentación, drenaxe de augas pluviais, xunto coa execución dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións de telecomunicacións e alumeado.

A actuación proxectada pola Xunta de Galicia conta tamén coa colaboración do Concello de Carballo, que xa rematou o pasado mes de maio as obras de dotación de servizos urbanos no trazado da futura senda peonil e ciclista da AC-552, entre os puntos quilométricos 32+620 e 34+480.

SERVIZOS. Instalaron canalizacións de electricidade, telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento e alumeado público en ambas marxes da estrada. O investimento ascendeu a un total de 395.335,28 euros.

Agora, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade completará esta actuación municipal coa instalación da rede de augas pluviais, a pavimentación o axardinamento, coa que os veciños e veciñas dos dous municipios poderán ir de Carballo a Coristanco, e viceversa, tanto a pé como en bicicleta por un itinerario seguro e reservado en exclusiva para este tipo de desprazamentos saudables. A Xunta xa construiu outra senda en Carballo á beira da AC-552, desde Bértoa.

A protagonista
“Seguimos a traballar en novos proxectos”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que esta intervención completa o Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, do cal xa están operativos os outros seis itinerarios previstos. En total, afirmou, “impulsáronse 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 millóns de euros”.

Non obstante, afirmou que o seu departamento “está a traballar en novos proxectos para mellorar a seguridade dos peóns nas estradas, con sendas como a que en Coristanco prolongará a licitada hoxe ata chegar ao centro comercial; a do Couto, en Ponteceso, ou as previstas nos lugares de Soesto e Serantes, en Laxe.

Ethel Vázquez puxo en valora tamén outras actuacións de reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade como a futura variante de Carballo. A este respecto lembrou que este mes foi adxudicada a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase desta vía, que suporá un investimento de 15 millóns de euros.

A responsable de Infraestruturas estivo acompañada onte na súa visita á capital de Bergantiños polos alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Coristanco, Juan García, e polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.

Primar a seguridade
22 dic 2020 / 16:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.