Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 26 febrero 2021
14:47
h
A artista local encargouse da reciclaxe do espazo “O Encomio da Viola” da biblioteca municipal // Xa participara na campaña “Ningunha cadeira máis baleira” do mes de novembro con motivo do 25-N

Loli España colabora co Concello de Coristanco en iniciativas que apostan polo respecto e tolerancia

Facer o feo bonito e a búsqueda incesante da felicidade respectando o ser humano e o medio ambiente é o obxectivo que marca o traballo da artista de Coristanco Loli España. Estudou Dereito e presentouse á oposición de secretaria de Administración Local, que tras aprobala ocupou dito cargo durante unha tempada. Despois pediu unha excedencia e anos máis tarde accedeu á carreira de Belas Artes, na Facultade de Pontevedra. “Gústame menos ensinar que aprender, son unha alumna eterna”, así se define ela.

En tempos de pandemia centra a súa actividade na arte coa creación de obras a partir de materiais de reciclaxe, que en ocasións se confrontan con materias nobres como o pan de ouro ou a prata, e están sempre unidos pola cor. A Loli gústalle percorrer as praias e recoller todo o que bota fóra o mar. “Antes atopabas conchas, caracolas, estrelas de mar. Agora encóntrase plástico e materiais dese tipo, pero aínda así intento buscarlle forma para que non estean contaminando ao medio ambiente e trato de incorporalos ao meu traballo”, afirma.

O Concello de Coristanco mantense activo na proposta de iniciativas culturais nas que participan artistas locais como é o caso de Loli. Pensando nalgún dos proxectos recorda a última festa da Pataca celebrada no 2019 na cal varios persoeiros do municipio pintaron obras en vivo. “Son ideas creativas e moi interesantes para o noso Concello da man da concellaría de Cultura”, comenta.

A artista tampouco esquece unha exposición realizada no palacio de María Pita, na Coruña. Levaba o título de “Alicia a través do espello” e estaba formada por pezas de pintura e escultura. “Unha delas era un vestido que ía dende o teito ata o chan. Arriba de todo tiña un cristal negro que simulaba un pozo e non deixaba ver o que había máis alá. Cada día que me pasaba por alí levaba unha caixa con musgo que llo ía engadindo ao vestido ata que se formou gran columa vexetal que reflexaba un espello imaxinario”, explica en detalle.

O último traballo foi para o Concello de Coristanco coa campaña “Ningunha cadeira máis baleira”, que se levou a cabo nas semanas previas ao Día contra a Violencia de Xénero. Utilizou unhas cadeiras e banquetas que tiña para tirar no pallote e transformounas a través da pintura e con collage. “Deilles outra vida para que dalgún xeito poidan volver a ser admiradas”, di.

PODER EDUCATIVO DOS LIBROS. Coristanco sorprende agora coa reciclaxe do rincón “O Encomio da Viola” da Biblioteca Municipal, un traballo executado por Loli España. “Trátase dun espazo moi luminoso no cal se reciclou un moble con libros que tratan a violencia”, explica. Coa proposta desta área específica ponse en marcha unha acción para dar maior visibilidade e achegar á cidadanía, a través da lectura, a temática da igualdade, con obras referentes que tratan conceptos como a tolerancia, a solidariedade ou a empatía. Este espazo será visitado en canto as circunstancias o permitan. Un espazo que poderá acudir a xente cando pase todo isto.

22 ene 2021 / 00:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.