Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARBALLO. Investigar, publicar e viaxar centran o labor do Instituto de Estudos Bergantiñáns // Divulgan a xeografía, a cultura e a historia da zona TEXTO Lorena Rey

Máis de vinte anos exaltando o patrimonio de Bergantiños

O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) continúa espallando a riqueza do patrimonio comarcal. Nestes 21 anos de existencia, a entidade ten o obxectivo de desenvolver accións de divulgación e investigación sobre aspectos xeográficos, etnográficos, históricos, culturais, etc., da comarca de Bergantiños.

Nos inicios había unha proposta con múltiples áreas de traballo que estarían dirixidas por un ou dous responsables. “Requería un gran esforzo e daquela a xente estaba en activo. Ademais implicaba un presuposto notable co que a asociación non contaba”, afirma Xan Fernández, presidente do IEB dende 2017 tras a renuncia de Xosé Pumar Gándara. Tan só saiu adiante “Andando por Bergantiños”, que se prolongou ata a actualidade e está coordinada por Xan xunto a Antonio García Losada.

Como xa indica o seu nome, a intención desta sección é coñecer o territorio da comarca de Bergantiños percorrendo os lugares que ofrecen un maior interese cultural e histórico da bisbarra.

En cada ruta elaboran un caderno onde priman as entrevistas realizadas á xente da propia parroquia. “Recordo que a primeira volta se fixo no 2000 por Soandres, A Laracha”, apunta. A última publicación foi no ano 2018, un percorrido por Langueirón e Xornes. Un ano máis tarde, coincidindo co vinte aniversario, a directiva decidiu parar a difusión de cadernos para centrarse unicamente na redacción do libro do Río Anllóns, publicado o verán pasado. Para iso foi precisa a recollida de datos como a descrición do río, mapas do seu curso e das parroquias polas que pasa, un estudo da flora fauna, etc.

Na actualidade hai preto de 120 socios. Chegou un momento no que tiveron que limitar o seu número porque á hora de facer actividades xuntábanse demasiadas persoas. Hoxe en día continúase admitindo xente que se incorpora á asociación a medida que vai habendo algunha baixa. “Non queremos que quede fóra moita xente. Se son socios é porque lles gusta participar e por eso limitamos as solicitudes”, sinala.

ANDANDO. Tras unha boa acollida de “Andando por Bergantiños” decidiuse dar un paso máis alá e ampliar o ámbito da actividade. Así comezou a desenvolverse a partir do 2004 “Andando por Galicia” seguido de “Andando por fóra de Galicia” dende o 2012.

Para este ano estaba xa feita a programación coas rutas trazadas. “A de cercanía ía ser por Camariñas. Despois habería unha saída pola Pobra de Caramiñal e Palmeira, e outra a Guimarães, en Portugal. Pola pandemia da COVID quedou todo paralizado”, relata.

A intención do colectivo é retomalas en canto a situación sanitaria o permita. Deste xeito, a última actividade levada a cabo no 2020 foi en febreiro, cando organizaron unha homenaxe a Xosé Pumar xunto a unha ruta por Padrón e Bastavales.

ARQUEOLOXÍA. Estes meses, unicamente os membros da asociación, están a traballar nun caderno sobre o conxunto arqueolóxico do Chan das Embarradas sito na parroquia de Ferreira, en Coristanco. “Fixemos varias visitas ao lugar, queda unha pendente. O propósito é comezar a edición cara finais da primavera”, di Fernández Carrear.

Habitualmente tamén presentan libros, realizan charlas e colaboran en actividades con outras asociacións como Senda Nova. A pandemia fai que isto estea todo paralizado. Xan Fernández considera que manter o Instituto de Estudos Bergantiñáns máis de 20 anos “é todo un éxito”. A súa filosofía é seguir apostando pola promoción e difusión da cultura e historia da contorna. “Espaciamos moito as actividades porque o programa require o seu esforzo e o principal para nós é manternos no tempo”, confesa.

18 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.