Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Malpica respalda as demandas da frota artesanal e rexeita máis controis

BERGANTIÑOS. A Corporación de Malpica aprobou, por unanimidade, unha moción de apoio ás demandas da frota artesanal local e demandan a retirada da proposta de modificación do Regulamento de Control da Pesca da UE. Consideran que “vai en prexuízo” dos intereses do sector. “A proposta non ten sentido para a frota artesanal e de baixura, fala de métodos de control das capturas que ao mellor teñen cabida nos grandes buques, na frota industrial, pero aquí en Malpica non”, asegura o alcalde Walter Pardo. A moción esixe ademais “dunha vez por todas unha definición europea clara e real do concepto de pesca artesanal baseada nunha definición multicriterio”. Por último, require “un tratamento distinto e diferenciado da frota de pesca costeira artesanal respecto ás frotas industrial e semiindustrial, recomendándose para elo ás autoridades comunitarias un coñecemento real das características estruturais dos buques de artes menores, das zonas de pesca de desenvolvemento da actividade e da selectividade das artes e aparellos de pesca empregados”.

“Coa modificación, todos os buques de máis de 4 metros deberán notificar dende o barco as súas capturas, o que implica un descoñecemento da forma de traballo agrupada que normalmente desenvolven as embarcacións de artes menores que operan en Galicia”, engade o texto. A modificación proposta na UE incide na implantación de cámaras “voluntarias” a bordo dos buques de máis de 12 metros de eslora, salvo para infractores, e entendéndose que esa voluntariedade será “premiada” con maior cota nas posibilidades de pesca.

“Non obstante, este aspecto é innecesario para a frota de artes menores tendo en conta o escaso número de especies sometidas a TAC´s e cotas e capturadas pola frota artesanal galega, e tamén ao insignificante reparto de especies por buque”, asevera a moción.

“O que si demando como alcalde de Malpica é máis cota para os nosos mariñeiros, iso si é unha necesidade real para o sector”, afirma Walter Pardo.

31 mar 2021 / 19:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.