Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mariscadores de Baldaio coidan do medio mariño con limpezas manuais periódicas

CARBALLO. A Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena, de Baldaio, participa por primeira vez nun programa financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños a través da recollida do lixo mariño acumulado nas zonas de produción. A iniciativa arrincou no mes de outubro coas dúas primeiras xornadas de limpeza, e esta semana iniciaron a segunda quenda.

Ademais dos oito profesionais que integran a asociación e da bióloga adscrita á zona, na iniciativa participa unha técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). Dende o Concello de Carballo colaboran facilitando os colectores e realizando a posterior xestión do lixo recollido. En só dous días retiráronse do espazo natural de Baldaio un total de 228 quilos de residuos, na súa maioría cordas, redes e plásticos. Estes labores son beneficiosos para a explotación, xa que reducen a presenza de posibles contaminantes que poidan prexudicar ás especies que se crían na zona, nestes momentos berberecho e ameixa fina e xapónica.

Dende a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena tamén se pretende realizar un labor de sensibilización social. Deste xeito, tras a experiencia acumulada nas limpezas realizadas entre outubro e novembro (a última será mañá mércores), a iniciativa retomarase nos meses de xaneiro e febreiro con novas xornadas de recollida de lixo abertas a toda a cidadanía.

17 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.