Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloras a prol do confort de alumnos e profesores en Cabana e Coristanco

No CEIP As Revoltas substituirán a cuberta e as carpinterías // Licitada a renovación integral do colexio Alcalde Xosé Pichel

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, informou nunha visita ao CPI As Revoltas, que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación de parte das carpinterías deste centro educativo cun investimento de máis de 361.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execuciónde tres meses.

Trenor mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación que xa se levou a cabo. O proxecto propón a substitución da cuberta existente de tella e metálicas dos volumes do colexio, por unha cuberta de sándwich de paneis metálicos. A actuación contempla tamén a substitución das carpinterías que quedan por renovar no edificio orixinal, as fiestras serán de PVC ao igual que as xa renovadas e as portas de aluminio.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial “mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento”.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Este investimento únese as obras xa licitadas pola Xunta de Galicia para a rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros, segundo informou o delegado.

RESPONSABILIDADE. Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da administración autonómica.

INCLUSIÓN. Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios galegos na transformación dixital coa creación de polos creativos e espazos maker, entre outros, reforzando tamén a aposta pola inclusión, habilitando espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios. Tamén poñerá o foco no deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.

02 jul 2021 / 18:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.