Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloras na rede de abastecemento e na calidade da auga do Concello de Carballo

En só dous anos substituíronse case cinco quilómetros de tubaxes de fibrocemento e reducíronse un 26% as avarías // A maiores, nas próximas semanas poñerase en marcha un sistema de tratamento con gas ozono para reducir o uso de cloro

Carballo. Ademais dos proxectos de extensión da rede pública de abastecemento de auga como o que se ven de executar nas parroquias de Oza e Razo ou os que están xa en contratación para ampliar o servizo ata Lema, por un lado, e Xoane, polo outro, dende o Concello de Carballo están a traballar na mellora do servizo dende unha perspectiva integral. O Proxecto Anllóns-Bardoso, no que realizaron un investimento de máis de 4 millóns de euros permitiu iniciar o proceso de universalización do abastecemento de auga segundo as prioridades marcadas no plan director do ano 2014.

Dun xeito paralelo, o Concello de Carballo e a empresa concesionaria do servizo integral da auga, Gestagua, levan introducidas unha serie de melloras que permiten reducir as incidencias na rede de abastecemento e mellorar a calidade da auga, e que se articulan arredor de tres grandes áreas de actuación: a modernización da rede, eliminando progresivamente o fibrocemento; a sectorización, que facilita o control e a resolución das avarías, e a monitorización e automatización das instalacións.

MODERNIZACIÓN DA REDE. A renovación das canalizacións está a experimentar un importante avance. Dende o ano 2015 foron eliminados case 7 quilómetros de rede de fibrocemento na zona urbana, 5 deles nos últimos dous anos. Isto foi posible grazas a que en todos os proxectos de obras viarias inclúese a instalación ou renovación de todos os servizos urbanísticos. Deste xeito, nestes momentos quedan en Carballo pouco máis de 28 quilómetros de tubaxes de fibrocemento, o que representa un 16% do total da rede urbana, que acada os 171,3 quilómetros. Malia ser minoría, as vellas tubaxes de fibrocemento están presentes en todos os barrios, polo que poden producirse roturas puntuais en distintos puntos.

A modernización da rede, xunto con actuacións máis sinxelas, como a renovación de válvulas ou pequenos treitos de rede, permitiron que nos últimos dous anos se reducisen un 26% as avarías, segundo os datos facilitados pola empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua.

SECTORIZACIÓN DA REDE. As tubaxes que se están instalando nas actuacións urbanas soportan ata 16 quilos de presión, mentres que o fibrocemento aguanta 6 nas mellores condicións. Por iso tamén resulta de especial importancia a sectorización da rede, unha medida implementada por Gestagua que proporciona un servizo máis constante aos fogares ao estabilizar a presión, permite reducir consumos, optimizar o subministro grazas ao mellor coñecemento da rede, mellorar o mantemento preventivo e axilizar a resolución de incidencias ou controlar os caudais.

MONITORIZACIÓN E AUTOMATIZACIÓN. A importancia da tecnoloxía para optimizar o funcionamento do servizo tamén se reflicte outra das melloras importantes realizadas por Gestagua, que consistiu na implantación dun sistema de telecontrol para a estación de tratamento de auga potable (ETAP), os depósito de auga do Añón, Seixo Branco e polígono de Bértoa, os contadores de sectorización, os tres grupos de presión de Xoane, Paraíso e Oza, as reguladoras de presión e os analizadores de cloro en continuo na rede. Ademais de mellorar a eficacia e a seguridade na explotación, este sistema reduce os tempos de interrupción e mellora a calidade do servizo á cidadanía.

Xunto a estas tres grandes actuacións, nas próximas semanas procederase á posta en marcha na ETAP dun sistema de tratamento con gas ozono, que permitirá reducir o uso de cloro, o que redundará nunha mellora do olor e do sabor que percibirán directamente os veciños e veciñas nos seus fogares.

26 oct 2020 / 19:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.