Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloras no vial do Cairo ao Roncudo

Parte das obras foron executadas pola empresa promotora da repotenciación deo parque eólico de Corme

O goberno municipal de Ponteceso supervisou as melloras nas vías municipais no Cairo e Roncudo executadas por EDP Renovables sen custe para o Concello. O alcalde, Lois García, asegura que as diferentes reunións cos responsables da empresa “foron moi produtivas para o Concello”, e sinala que “en moitos parques limítanse a botar un rego asfáltico para pasar. Aquí hai aglomerado de gran espesor, sobre todo na estrada provincial a Roncudo”, agradeceu

Ademais da mellora da capa de rodadura, case se duplicou o ancho da plataforma e mellorouse a recollida de pluviais. “Concello e directiva do Corme Clube de Fútbol soñábamos con ter aglomerado o acceso e aparcamento do estadio municipal do Cairo, e hoxe é unha realidade. EDP foi sensible ás demandas locais e pagou todo este aglomerado, do que imos desfrutar os socios do equipo cando empece a tempada 2021-2022 en setembro”, afirmou o rexedor. “A predisposición da empresa sempre foi boa, pero é moi importante negociar ben dende o Concello para sacar o maior partido posible aos investimentos, sobre todo nestas obras onde tamén indemnizan aos propietarios e propietarias dos terreos”, engadiu Lois García.

Recentemente a Deputación renovou tamén o firme e fixo unhas sendas na rúa José de Tecelán, que é o nome que recibe esta estrada provincial no seu tramo inicial. Así mellora o acceso non só ao Campo do Cairo senón tamén a aldea de Roncudo, “que ten grandes posibilidades turísticas e é punto de paso do Camiño dos Faros”, engadiu.

“Ogallá o parque empece a producir pronto, as persoas propietarias poidan empezar a beneficiarse economicamente dos contratos asinados e o Concello ingrese os 240.000 € do convenio con EDP-Renovables para desenvolvemento industrial”, sinala. O goberno local defende que todos os proxectos, tamén os eólicos, deben deixar riqueza no territorio.

As obras xa executadas completaranse esta semana coa construción dunha cuneta formigonada de seguridade na estrada provincial do Cairo ao Roncudo, e cunha mellora do cruce que vai á Barda, que se arranxará para que quede ben o acceso á praia.

10 may 2021 / 19:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.