Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Moito teatro e premio Xograresa de Outono para Silda Alfaro no FIOT30

Carballo. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) propón até a festividade do martes 12 de outubro, unha completa programación de actividade escénica que sitúa a Carballo no epicentro da actividade cultural.

Xosé A. Touriñán, Paula Carballeira, Chévere, Luis Piedrahita, Pallasos en Rebeldía, Yllana, Contraproducións, Marta Valverde, La gata japonesa, Arroutadas e David Rodas propoñen unha chea de espectáculos de diversas disciplinas, coa intención de achegar o feito teatral a todos os públicos por toda a comarca, incluíndo tamen funcións nos centros sociais de Cances e Berdillo.

A programación, ademais, complétase coa posibilidade de visitar a exposición, recentemente inaugurada, Zoom FIOT 2019, que se pode ver no Pazo da Cultura, novas funcións dos espectáculos O espello que arde e A lúa, válvula de spray, no marco do FIOT Fónico, e a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 a Silda Alfaro, o sábado 9.

O Ciclo OTNI trae este venres, día 8 ás 20.00 horas na Praza do Concello, Los viajes de Bowa, da compañía madrileña La Gata Japonesa, unha proposta repleta de equilibrios, maxia, acrobacia aérea, teatro de obxectos, humor ou poesía. A Rúa dos Contos terá tamén especial protagonismo nesta extensa fin de semana. O ciclo, que propón a recuperación e difusión da tradición oral, incorpora este 2021 unha novidade na súa programación: as Noites de Troula, con espectáculos no Mercado Municipal con grandes humoristas que enchen recintos teatrais. É o caso de Xosé A. Touriñán (venres 8 de outubro), quen presentará Aquí tou, ou Luís Piedrahita (martes 12 de outubro), que chega a Carballo no marco da xira estatal Es mi palabra contra la mía. Tamén o mercado acollerá o luns 11 a estrea absoluta de Foot, a nova creación de Pallasos en Rebeldía, un monólogo poético, cómico e surrealista na voz dun futbolista palestino, quen nos conta o imposible camiño do seu equipo para clasificarse á Copa Mundial.

Na xornada do sábado 9 comezará a V edición do Certame Metro Cadrado, con funcións de DES-abonar, de Arroutadas, no Horto Urbano (rúa Nardos) e de A/o pesar do tempo, de David Rodas González, na Ponte de San Martiño. Son pezas creadas especificamente para desenvolver nestes puntos do espazo público de Carballo, abertas á cidadanía e que se poderán ver, nos dous casos, ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas. Para asistir, recoméndase realizar unha reserva previa a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com.

E tamén este sábado 9 arrancará unha das principiais novidades desta trinta edición, como é o FIOT en Ruta, o programa que expande e descentraliza actividade escénica pola comarca da man de grandes compañías do teatro galego. Así, Berrobambán, con A carreta pantasma, e Chévere, con As fillas bravas e o mito de Casandra, actuarán nos centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo os días 9 e 12 de outubro, respectivamente.

Xograresa de Outono e Programa de Sala

Pola noite será a quenda dun dos momentos máis agardados: a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 á actriz e directora Casilda García Alfaro. O galardón, outorgado por profesionais das artes escénicas premiados de anteriores edicións, salienta a traxectoria de Silda Alfaro como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro. O acto terá lugar antes do inicio da función de Cigarreiras, a nova creación de Contraproducións na que Cándido Pazó realiza unha relectura do drama individual e colectivo escrito por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna. Unha gran produción, con sete actrices en escena, na que o FIOT colaborou co seu desenvolvemento, no marco do seu compromiso coa estrutura teatral galega, e que, á vez, reivindica publicamente a figura dunha escritora de capital relevancia do devir do feminismo e da literatura.

Ao día seguinte, o domingo 10, chegará outro dos pratos fortes desta edición: o espectáculo Greenpiss, de Yllana, compañía de teatro xestual gañadora en dúas ocasións do Premio Max ao Mellor espectáculo e catro Premios do Público do FIOT. Nesta ocasión, Yllana presenta unha divertida sátira sobre a ecoloxía e o futuro da humanidade, con enfrontamentos entre multinacionais e activistas medioambientais, e na que catro actores darán vida a galiñas, políticos, pingüíns ou árbores, unha creativa receita ateigada de humor ácido e sen barreiras.

Novas entradas á venda

A partir das 10.00 horas deste venres 8, e ante o cambio de normativa autonómica que permite a ampliación da capacidade dos recintos culturais, o FIOT terá ocasión de sacar á venda novas entradas para algúns dos espectáculos máis demandados deste FIOT30, como son Aquí tou, de Touriñán; Cigarreiras, de Contraproducións; Greenpiss, de Yllana, Es mi palabra contra la mía, de Luis Piedrahita; e Andanzas y entremeses de Juan Rana, de Ron Lalá e a Compañía Nacional de Teatro Clásico. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do FIOT, www.fiot.gal, ou da plataforma dixital www.ataquilla.com.

07 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.