Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Na asociación Vieiro ofertan o programa de prevención Xogo Limpo

Vai destinado aos clubes deportivos e a finalidade é abordar as condutas aditivas

Carballo. Dentro da súa programación de prevención no ámbito xuvenil, a asociación Vieiro de Carballo ofertou aos clubes deportivos o programa Xogo Limpo. Segundo explica a entidade, no programa abórdanse as condutas aditivas relacionadas co consumo de substancias e o uso das novas tecnoloxías.

Xogo Limpo está planificado para levar a cabo a través dunhas xornadas distribuídas en diferentes fases, nas que se inclúen sesións formativas para responsables dos clubes deportivos (directores/as, adestradores/as e persoal técnico) sobre pautas de actuación ante a detección de condutas aditivas e obradoiros destinados e adaptados aos xogadores/as das diferentes categorías. Debido á actual situación sanitaria, este ano a asociación Vieiro oferta este programa, ademais de na modalidade presencial, na modalidade online, para reducir o risco de contaxio.

Nos obradoiros, dunha hora e media de duración aproximadamente, abórdanse as temáticas adaptadas a cada grupo de idade para potenciar os factores de protección fronte ás condutas de risco. Nestas xornadas abórdase a prevención do consumo de substancias, a potenciación de habilidades de resistencia á presión de grupo de iguais e os riscos asociados ao mal uso das novas tecnoloxías.

Os clubes interesados en participar neste programa gratuíto pódense poñer en contacto coa asociación Vieiro a través do teléfono 981 756 161, do correo electrónico vieiro@vieiro.org ou do WhatsApp 604 075 815. arca

23 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito