Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 25 octubre 2021
21:35
h
ENTREVISTA
Noelia Loureiro Serrano / Subcampiona de Europa en dúas modalidades de Salvamento e Socorrismo

“No momento no que non desfrutas do deporte significa nadar a contracorrente e faise todo moito máis difícil”

O pasado ano, Noelia Loureiro, de 19 anos, proclamouse en Riccione (Italia) subcampiona de Europa en dúas disciplinas de salvamento e socorrismo. A larachesa, integrante do club SAL de A Laracha, logrou as medallas de prata nas probas de 100 rescate con aletas e 100 socorrista. Ademais, a xoven deportista tamén logrou o cuarto posto na proba de 100 combinada e un sexto posto na modalidade de supersocorrista. Disfrutar do deporte é o seu propósito.

Cal foi o motivo que te levou a adentrarte no mundo do salvamento e socorrismo?

Cando era máis pequena non me gustaba nada ir á piscina pero meus pais obrigábanme porque querían que aprendese a nadar. Cando rematei todos os cursillos deixeino porque estaba desexando non ir máis á piscina, pero anos máis tarde tiña unhas amigas que practicaban salvamento e decidín apuntarme máis que nada para pasalo ben con ellas. Ao final enganchoume.

Como foi a túa experiencia participando no europeo de Riccione?

Nunca fora a un Campionato Internacional tan grande e a verdade é que aprendín un montón mentras o preparaba con Diego, o meu adestrador. Alí paseino un pouco mal porque estiven enferma e non tiña o apoio de ningún compañeiro do meu club. Aprendín moito e serviume para prepararme para outras ocasións. A maiores, á volta sentinme moi agradecida co adestrador, cos compañeiros e co pobo enteiro tras o recibimento que me fixeron.

Con que periocidade adestras e onde o fas?

Este ano as condicións son complexas pero conseguimos manter os nosos horarios habituais. En xeral, todo o club adestra catro días á semana, hora e media na piscina e agora estamos buscando ocos para meter horas de ximnasio e de adestramento en seco. Iso si, temos que facelo en grupos reducidos. Non se pode adestrar como antes pero calquera cousa é mellor que nada.

É complicado compaxinar o deporte cos estudos?

Agora mesmo estou estudando Educación Primaria e creo que a cuestión é organizarse. O ano que fixen segundo de Bacharelato considero que foi o que máis me preparei. Pode soer raro pero se te organizas ben as horas de adestramento tamén che serven para desconectar dos estudos. Penso que hai tempo para todo.

Consideras que é fundamental recibir o apoio da familia e dos amigos para crecer no deporte polo que ti apostas?

A miña familia e compañeiros/as sempre me apoian en todo. A maiores, é fundamental o apoio do club, do adestrador e dos compañeiros e compañeiras, que xa son a miña segunda familia.

Cales dirías que son as claves para alcanzar unha boa traxectoria deportiva?

O máis importante é desfrutar do que fas porque no momento no que non desfrutas do deporte significa nadar a contracorrente e faise todo moito máis difícil. Ademais hai que ser moi constante e loitadora.

Que é o primeiro que che ven á mente antes do pistoletazo de saída dunha proba?

Un rato antes intento simular a proba na miña cabeza pero no momento previo a tirarme á auga trato de deixar a mente en branco e que pase o que teña que pasar.

Sufriches algunha lesión que te mantivera alonxada dos adestramentos e das competicións?

O ano pasado cando vin do Europeo e me tomei un descanso tiven molestias na espalda. Como non puidemos desenvolver unha tempada normal e tivemos que forzarnos a un descanso no confinamento, as molestias non foron a máis. Nunca tiven a mala sorte de sufrir unha lesión importante que me impedise continuar no deporte.

Como viviches estes meses de corentena? Perdeches algún torneo?

Este ano non fun ao Campionato de España que coincidiu antes de que comezase o confinamento porque continuaba un pouco mal da espalda. Estabamos empezando a coller ritmo e xusto a semana que nos confinaron tiñamos unha Copa galega que estabamos preparando todo o club con moita ilusión pero non foi posible a súa celebración. O resto de campionatos a nivel nacional tamén se suspenderon e estanse celebrando agora nos meses de setembro e outubro pero eu non acudín porque as condicións de adestrar e de desprazamentos non eran as mellores.

Esperabas chegar tan lexos tendo en conta que só tes 19 anos?

A verdade é que non. Comecei neste mundo de casualidade. O salvamento é moi variado: ten praia, piscina, probas con aletas ou sen aletas, córrese, nádase... Creo que é moi fácil que a xente se quede no Salvamento unha vez o probe. Eso foi o que me pasou a min.

Cales son os teus obxectivos a curto plazo?

Teño moitas ganas de adestrar e de competir. Boto moito de menos o ambiente de competición e ese sentimento que tes antes de tirarte á auga. Disfrutar é o máis importante para min.

13 oct 2020 / 18:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.