Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Xan Fraga; profesor, historiador e escritor carballés

“Non son partidario de publicar con rapidez; os libros hai que deixalos certo tempo no caixón”

O feito de escribir é unha facultade a maiores para Xan Fraga Rodríguez, profesor, historiador e escritor carballés. Xan estudou no Instituto Alfredo Brañas, no que exerce como profesor de historia na actualidade. Nun momento da súa vida tivo a idea de facer investigación histórica centrada na historia local. A principios dos anos 90 había moito por facer en Carballo como capital de Bergantiños e ese foi o primeiro motivo que o levou a indagar. Despois, máis adiante, coñeceu a algúns escritores importantes como Manuel Maía, o que tivo grande influencia para o seu posterior traballo no campo da investigación e do ensaio.

O seu primeiro libro data do ano 1993- 1994. Consistiu nun proxecto de búsqueda das relacións existentes entre Galicia e Cuba. Un libro moi didáctico e pedagóxico que publicou a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega). A maiores, o carballés tiña unhas inquietudes que tiñan que ver co mundo dos transportes, especialmente no caso urbano, de ahí que se centrara nun novo estudo ao que chamou “As tres T do transporte”: o tranvía, o tren, e o trolebús. Fixo varios exemplares e incluso chegou a coordinar un libro dos trolebuses en España e Europa. Deste apartado só lle queda pendente o tema do tren.

Con temas relacionados co ensaio Xan recorda un traballo que lle encargara un profesor de universidade que tiña que ver co mundo da conserva. A súa misión era explicar algo que para moitos era difícil de entender a primeira vista: como podía ser que en Carballo, que non conta con porto pesqueiro, Luis Calvo Sanz fora capaz de crear unha fábrica de atún que segue sendo hoxe en día a primeira conserveira española, a segunda de Europa e a quinta do mundo. Co paso dos anos saíron á luz outros libros como unha triloxía sobre o fútbol. Él foi xogador do Bergantiños e tivo a oportunidade de xogar con xente importante como Arsenio Iglesias. O exfutbolista e adestrador nacido en Arteixo xogaba no Bergantiños cando era un rapaz xoven e ademais traballaba nos trolebuses coa ruta Coruña-Carballo. Isto serviulle a Xan para redactar unhas páxinas. A maiores, escribiu sobre o club histórico que está a piques de cumplir os 100 anos de existencia, e unha biografía de Luis Suárez Miramonte, o único balón de ouro que deu o fútbol español.

Estamos a falar de diferentes temáticas que conforman na actualidade un total de doce libros.

O último, presentado fai unhas semanas, titúlase “Arquitectura e urbanismo. Unha ucronía carballesa”. Trátase dunha síntese do que foi Carballo e do que puido ser. Según nos conta o autor, Carballo nos últimos anos foi maltratado dende un punto de vista urbanístico. Na década dos 70 produciuse unha desfeita do que fora unha vila que era chamada modélica nos anos 20-30. Así, no exemplar trata de explicar o fenómeno histórico da destrucción da paisaxe urbana e rural.

O autor é partidario de non publicar con rapidez. O que lle interesa é que aos libros que vaian saíndo se lle fagan as críticas pertinentes para que coa axuda de todos consiga aproximarse á verdade histórica do que foi Carballo. Hai que quedarse coa idea de que a publicación dun libro non responde a que o autor rematara de escribilo nese momento. Alguns publícanse pronto e outros pasan meses ata que saen á luz. Sempre é mellor deixalos no caixón certo tempo porque despois sempre hai oportunidade de facer unha edición nova para correxila ou aumentala. É a reflexión que nos transmite.

Practicamente todos os escritores necesitan calma e tranquilidade no momento de escribir. Xan Fraga dispón dunha sala na súa casa onde está a biblioteca, na que traballa a diario. Pero as ideas non saen só dese espazo senón que lle chegan cando vai a traballar no coche ou mesmo cando está de paseo. Así, vai tomando notas dándolle forma e déixaas no caixón para que repousen. “Un vai dando conta de que as cousas teñen que madurar e aínda así despois daste conta de erros”, pensamento que nos transmite.

03 oct 2020 / 12:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.