Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recala no paseo marítimo de Malpica a mostra fotográfica ‘Nós somos Elas’

MALPICA. A mostra Nós somos Elas, da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda, inaugurouse hoxe no paseo da Praia de Area Maior de Malpica, un lugar que se converte por vez primeira en espazo expositivo. No acto participaron o vicepresidente e a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e María Muíño, xunto co alcalde, Walter Pardo, e a concelleira Leticia Naya.

A mostra quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo fotógrafo de José Mª Vidal, de Laxe. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, da colección permanente do Museo do Mar de Laxe. “Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas”, sinalou a deputada, María Muíño, que inseriu a mostra na vontade da Deputación da Coruña de destacar a “achega feminina á construción da nosa historia”.

Destacou a vontade de mostrar a imaxe e as voces das mulleres en espazos públicos especialmente transitados nunha mostra itinerante que se inaugurou na Coruña e chega agora a Malpica.

Fotos de Vidal e voces de poetas

O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal. Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras.

Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo. O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en Nós somos elas.

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

11 mar 2021 / 15:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.