Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novas gravacións, bronca e tres expulsións no pleno de Ponteceso

A oposición demanda máis reunións para intentar salvar o Plan Único // O alcalde di que “empezan a verlle as orellas ao lobo”

    Cargando reproductor ...

Goberno (PSOE, 3 edís) e oposición (5 non adscristos, exconcelleiros socialistas; 2 PP e 2 APIN) de Ponteceso seguen enrocados nas súas posicións e volveron a protagonizar un pleno esperpéntico de máis de catro horas, no que o cruce de acusacións, as interrupcións e a bronca foron unha constante, e que rematou con tres edís non adscritos expulsados, logo de presentar unha moción e un audio no que se escoita ao alcalde, Lois García, ofrecerlle a Faustino Santiago varias opcións para que poidera cobrar 600 euros ao mes.

Na gravación, o rexedor plantéxalle ao edil que, despois de consultar cómo se podería facer, unha opción sería convocar comisións de goberno cada 15 días e subir a remuneración por asistencia ás mesmas, de 100 a a 300 euros. A maiores, explícalle que tería dereito a cobrar dietas.

Faustino Santiago di que recibiu a gravación “por correo postal, nun pendrive que viña dentro dun sobre sen remitente e cunha notiña dicindo que hai máis”. Di que ese encontro tivo lugar na alcaldía antes da xuntanza na que se gravaron os vídeos difundidos meses atrás nos que aparecían tres dos exconcelleiros do PSOE supostamente chantaxeando ao alcalde para que lles pagase o prometido.

A este respecto, Faustino sinala que “este audio demostra que foi o alcalde quen me ofreceu os cartos a mín, e xa o fixera outra vez antes”. Insiste en que “eu nunca quixen gañar cartos pola miña adicación ao concello, pero tampouco podía poñer parte da miña pensión para poder desenvolver ese traballo”.

O rexedor, Lois García, di que é “obsceno andar con estes temas” e asegura que “en ningún momento se aprobou nin se plantexou ningún cambio nas retribucións”, polo que considera que “é unha trapallada máis”. Acusa á oposición de estar “nun plan destrutivo e iso levounos a perder un millón de euros e a ser o único concello de toda a provincia que rexeitou os fondos da Deputación”.

Unha situación, engade, pola que “o pobo está escandalizado e alarmado”, motivo “polo cal os concelleiros da oposición empezan agora a verlle as orellas ao lobo, pois xogaron todo a unha carta pensando que se Ponteceso perdía o POS o alcalde ía dimitir, pero saíulles mal”.

A oposición sí fixo valer a súa ampla maioría para aprobar a constitución dunha comisión informativa que investigue as gravacións que se fixeron no concello.

Ademais, a proposta de APIN, acordaron “retomar” as negociacións para intentar recuperar o Plan Único. Así, dediciuse reunir aos voceiros dos grupos políticos nesta semana para propoñer proxectos; destinar a partida de gasto corrente a obras e 100.000 euros do gasto social a axudas a autónomos e hostalaría; e solicitar unha reunión urxente co presidente provincial.

Asemade, os grupos da oposición optaron desta vez pola abstención para evitar que se perdesen tamén os 155.000 € do POS adicional, e presentaron unha proposta con tres proxectos de obras valoradas en 200.000 euros para acollerse a unha subvención nominativa da Deputación. Iniciativa que foi aprobada por unanimidade.

No obstante, PP e non adscritos rexeitaron un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 6.000 euros para pagar á Xunta aportacións correspondentes a 2020. Isto fará, segundo o alcalde, “que o Concello de Ponteceso pase a ser considerado moroso e perderá todas as subvencións ás que tiña dereito mentres non se pague”.

Por vía de urxencia, aprobouse tamén unha moción que deixa fóra da mesa de contratación ao alcalde e ao funcionario que formaba parte da mesma “e no seu lugar nomearon á técnica de Normalización Lingüística”, afirma Lois García, quen critica tamén que acordasen “botar fóra ás traballadoras sociais para que PP e non adscritos dispoñan dun local no concello, esixindo ademais un ordenador co programa Autocad”.

Transparencia

Pola súa banda, a exsocialista Raquel Fondo pediu onte ao alcalde que “deixe de tapar coa súa sombra e permite que os veciños e veciñas teñan a transparencia que se merecen”. A este respecto, e despois da gravación “que podía dar luz ás famosas chantaxes e á instalación de cámaras”, pregúntase que está pasando no Concello de Ponteceso? Por qué o alcalde non permite escoitar un audio? Que esconde? Quen instala cámaras e micrófonos e con que cartos?.

Fondo acusa ademais ao rexedor de que, no canto de respectar o regulamento e moderar o debate, “invita á confrontación e aos reproches entre edís, fomentando que os plenos cada día vaian a peor. A demagoxia é a súa forma de política e algúns de nós non nos queda outra que reclamar onte temos voto porque o dereito a voz témolo vetado”. Sinala que “se dis verdades a expulsión é o que che espera”.

30 mar 2021 / 18:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.