Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novembro de petiscos con Destapa A Laracha nas fins de semana

BERGANTIÑOS. A primeira edición do concurso Destapa A Laracha vaise desenvolver durante as catro fins de semana -de venres a domingo- de novembro coa participación de catorce locais de hostalería. Cada establecemento ofrecerá a súa elaboración ao 1,90 euros nas franxas horarias que estimen oportuno e que estarán actualizadas ao momento na web www.destapaalaracha.com e nas redes sociais.

Os locais concursantes optan a dous premios de mil euros cada un, que serán outorgados segundo as valoracións dos xurados popular e de expertos. A clientela poderá adquirir un pasaporte impreso con espazo para que cada establecemento no que consuman unha tapa poña o seu selo e para indicar a súa valoración persoal. Para que o voto sexa válido, debe conter selos de cinco establecementos diferentes de, alo menos, tres parroquias distintas.

O xurado acreditado estará composto por tres profesionais do sector da hostalería e da cociña, que visitarán cada local de forma anónima e reunirase posteriormente para decidir o gañador.

Aqueles consumidores que emitan o seu voto válido entrarán no sorteo de premios, consistentes en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e outros agasallos cedidos polas empresas colaboradoras.

O alcalde explicou que “tralas experiencias positivas anteriores, decidimos ampliar a posibilidade de participar a locais de todo o Concello para que todos teñan as mesmas oportunidades”. Outra das novidades é que o programa se realizará durante catro fins de semana en lugar de concentralo nunha única porque “pretendemos desestacionalizar a oferta e, polo xeral, no mes de novembro descende a clientela no sector hostaleiro”. Non obstante, López Varela lembrou que cada participante pode escoller que días e a que horas ofrecerá as tapas.

O rexedor agarda que a iniciativa sirva de “revulsivo pola promoción e publicidade que se fará dos locais”, ademais de optar a “premios atractivos”. Lembrou que os vales de compra de 30 euros que se sortearán entre os consumidores deberán ser gastados no comercio local e agradeceu ás casas comerciais participantes a achega de agasallos.

Os establecementos hostaleiros participantes en Destapa A Laracha son: O Noso Café, Café Bar O Encontro, O Trasno, Bar Lestón, Bar Balvís, Fogón da Pía, Cafetería Suíza, Bar Alecrín, Furna Atlántica, Asteria Beach, A Taberna de San Cristovo, Bar Isabel, Café Bar Buenos Aires e Café Bar Basilea.

03 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.