Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novos problemas de turbidez na auga da traída en Corme

O alcalde, Lois García, asegura que é potable e, como proba, el mesmo bebeu dela e difundiu un vídeo nas redes sociais // Dende o PP critican a “pésima xestión” do servizo

Na vila de Corme (Ponteceso) volveron a saltar as alarmas co subministro da auga da traída municipal xa que chega ás vivendas cunha gran turbidez. Hai que lembrar que no 2019 moitos veciños e veciñas víronse afectados por gastroenteriti por un problema na depuración.

O alcalde, Lois García, asegura que desta vez non se trata dun problema de contaminación da auga, senón que a turbidez se debe ás intensas choivas das últimas semanas. Sinala que a empresa concesionaria, Espina y Delfín, xa é coñecedora do problema e lembra que o Concello, a través dunha empresa externa e de Sanidade, segue facendo analíticas periódicas.

García Carballido asegura que a auga é potable, a pesares da súa turbidez e, para demostralo, el mesmo se desprazou ata a oficina municipal de Corme e bebeu un vaso de auga da billa, ao tempo que gravou un vídeo que difundiu nas súas redes sociais para tranquilizar á poboación de Corme.

Non obstante, dende o PP achacan esta situación á “pésima xestión do alcalde, que segue sen sacar a concurso o ciclo da auga e leva cinco anos no cargo. É normal que a veciñanza desconfíe”. Por iso, os populares solicitan que o Concello informe aos veciños e veciñas.

A este respecto, o rexedor asegura o Concello solicitou axuda á Xunta para a mellora da potabilizadora e depuradora de Corme, pero “o que non se pode facer é criticar que sae mal a auga e, ao mesmo tempo, tentar asfixiar ao concello para que quede sen fondos para mellorar a auga, o saneamento e outros servizos”, en alusión á actitude dos grupos da oposición.

14 feb 2021 / 10:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.