Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Concello alugará parcelas para habilitar aparcamentos na Laracha e Paiosaco

Pretende así aumentar as prazas de estacionamento público e gratuíto // Situaránse en puntos estratéxicos e próximos aos principais servizos públicos

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe os anuncios do Concello sobre a apertura do prazo de presentación de ofertas aos concursos públicos para adxudicar os contratos privados de aluguer de parcelas que se destinarán a aparcamento de vehículos en puntos estratéxicos das vilas da Laracha e de Paiosaco.

O Concello promove esta iniciativa co obxectivo de aumentar as prazas de estacionamento público e gratuíto nas inmediacións do recinto feiral de Paiosaco, do centro de saúde da Laracha e do complexo deportivo da piscina municipal, dándose servizo tamén, neste último caso, á Casa da Cultura. Deste xeito resolveranse os problemas de falta de espazo para os vehículos que se está a rexistrar nesas localizacións en beneficio tanto dos residentes nelas como dos usuarios das instalacións e do sector comercial ao xerar maiores facilidades para deixar o coche particular nas inmediacións deses puntos de referencia.

Os contratos de aluguer terán unha duración máxima de catro anos, estando contemplada a súa extinción no caso de que o arrendador venda a finca a un terceiro e este manifeste a súa vontade de dalo por concluído. As parcelas deberán atoparse a unha distancia máxima de 300 metros da infraestrutura de referencia, ter fronte á vía pública e estar vacantes de edificacións.

Para o caso da feira de Paiosaco, a superficie mínima será de 9.000 metros cadrados e o importe máximo a aboar polo Concello nos catro anos sería 60.317,68 euros segundo a valoración realizada polos técnicos municipais do departamento de Urbanismo. A parcela próxima ao centro médico da Laracha terá un tamaño de entre 4.200 e 5.100 metros cadrados e o arrendamento non superará os 34.180,02 euros. A finca para aparcamento nas proximidades do complexo deportivo da piscina municipal terá unha superficie de entre 2.250 e 3.750 metros cadrados, investíndose no aluguer un máximo de 25.132,26 euros. Neste último caso, o Concello mostra o seu agradecemento aos propietarios que desde hai anos permiten de xeito gratuíto o aparcamento na parcela privada situada fronte á piscina. Con este procedemento regularase esa situación coa correspondente compensación económica aos donos dos terreos.

Aquelas persoas que sexan titulares de parcelas que cumpran as características requiridas e estean interesadas en arrendalas, teñen quince días naturais a contar a partir de mañá martes para presentar a súa proposta.

Para garantir a máxima transparencia dos procedementos e a igualdade de oportunidades entre todos os propietarios que desexan participar, publicáronse na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos que establecen unha serie de criterios de adxudicación baseados na calidade e prezo das ofertas, valorándose cuestións como a proximidade ás infraestruturas de referencia, o tamaño da parcela, a cualificación urbanística do solo e a oferta económica.

No Concello da Laracha xa existen dous aparcamentos públicos de vehículos habilitados en parcelas alugadas polo Concello a particulares. Unha delas sitúase próxima ao recinto feiral de Paiosaco e, a outra, en pleno centro da vila da Laracha (xunto á rúa Epifanio Campo), nunha das zonas de maior densidade de poboación de todo o municipio.

08 mar 2021 / 17:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.