Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Ecomuseo Forno do Forte, un espazo para coñecer como era a vida dos oleiros

O edificio, situado na parroquia de Buño, concentra as vivendas dos traballadores do barro e as casas dos xornaleiros // Os visitantes poden ver como é o traballo no torno e incluso teñen a oportunidade de probar como se fai unha peza, a excepción destes meses marcados polo covid

A comarca de Bergantiños esconde diversos conxuntos etnográficos e o Ecomuseo Forno do Forte (en Buño) é un dos máis emblemáticos. Nace no ano 1999 no proxecto da Deputación para a recuperación de diferentes elementos arquitectónicos da Costa da Morte. Nese ano foi cando se adquiriu o edificio e dende o primeiro momento tíñase claro que “o ecomuseo ía estar adicado a manter as pezas tradicionais co propósito de recuperar unha cocedura tradicional e que a imaxe do museo reflexaría a vida dunha familia oleira antes de 1950”, explica Francisco DoVal, director do Ecomuseo Forno do Forte.

O edificio divídese en dúas partes. En primeira estancia están as vivendas de familias oleiras reconstruídas. Durante o proceso de restauración e posta en valor fíxose un estudo etnográfico e arqueolóxico de feito que se poidera coñecer coa mellor precisión posible como estaban divididos estes espazos. Así, o que non se conservaba da memoria da xente apareceu con restos arqueolóxicos. “Poidemos reproducir onde estaba o fumeiro, os taboleiros, como estaban distribuídas as habitacións... Conseguiuse recuperar o aspecto orixinal mantendo as estructuras e mobiliario daquela época”, destaca Francisco.

Por outra banda están as casas de xornaleiros, xente que traballaba para os oleiros e que permitiron reproducir as ferramentas agrícolas da actividade secundaria que tiña unha familia oleira antes de 1950. “Temos material de labranza para que a xente comprenda que tiñan a obrigación de producir unha parte significativa do seu alimento e tamén hai unha parte adicada ao mar xa que moitos tiñan un afán mariñeiro e de alí obtiñan a madeira do prato do enfornado”, conta.

A ACTIVIDADE NO TORNO. Hai un oleiro que traballa no Ecomuseo todos os días e fai demostracións ao público. Co tema do covid a xente non se pode sentar na roda para experimentar a actividade xa que é un espazo pechado e requírese bastante tempo para facer unha peza. Neste sentido, durante estes meses víronse na obriga de restrinxir a capacidade a un máximo de 25 persoas e despois para grupos que non foran unidades familiares en cada sala indicábase o número máximo de persoas permitidas. “A visita guiada tamén se reduciu. Era dunha hora pero tivo que reducirse a explicación xeral e facerse no quinteiro, o espazo interior do Ecomuseo no que está o forno de cocer”, di o director.

Taboleiro cos tornos para traballar o barro. Foto: Ecomuseo.
Taboleiro cos tornos para traballar o barro. Foto: Ecomuseo.

A COCEDURA TRADICIONAL. Cada ano, nos meses de verán, realízase a Cocedura tradicional, “que consiste en reproducir tal cual eran as coceduras de toda a vida”. Dende o primeiro momento participaron nesta actividade persoas que coceron nestes fornos tradicionais como Manuela Sánchez para facer os fumes, que foi a súa profesión, ademais de prestar axuda para a carga e descarga do forno, e oleiros como O Rulo que coceu con seu pai no forno dos Mouróns. “Poidemos documentar con fidelidade como se organiza unha cocedura tradicional”, aprecia.

Xa dende antano, a xente recoñece a labor dos oleiros. Tras a visita ao Ecomuseo moitos quedan sorprendidos do traballo que supón facer unha peza de barro. “Ves traballar a un oleiro no torno e percibes que se manexa con moita soltura pero cando ti te sentas non é tan fácil darlle forma ao barro mentras se move para todos os lados”, expresa Francisco.

$!Forno para cocer a cerámica ubicado no quinteiro do Ecomuseo. Foto: Ecomuseo.
Forno para cocer a cerámica ubicado no quinteiro do Ecomuseo. Foto: Ecomuseo.
10 oct 2020 / 10:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.