Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 27 noviembre 2022
02:17
h

O PP de Carballo propón bonificacións fiscais para os vehículos ecolóxicos

O PP de Carballo solicita, en dúas iniciativas, bonificacións fiscais e vantaxes para os vehículos de baixas ou nulas emisións de CO2 co obxetivo de aumentar o parque móbil ECO, na liña dos retos marcados pola Unión Europea. Tamén demanda unha rede de puntos de recarga no núcleo urbano e nas zonas costeiras máis concorridas. As dúas iniciativas teñen como obxectivo, promover a adquisición de vehículos limpos, “aumentar o seu uso na nosa vila e reducir as emisións contaminantes”, afirman.

A primeira das mocións está en liña coa bonificación do imposto de vehículos de tracción mecánica nun 75% para todos os vehículos ECO e con etiqueta de “0 emisións” (segundo a clasificación implantada pola DXT). Esta bonificación é actualmente a máxima que se pode implementar segundo o regulamento 2/2004 de facendas locais. Aqueles veciños que teñan a etiqueta ECO nos seus vehículos terían a unha bonificación do 75% do imposto durante 6 anos dende a matriculación do turismo. Pola súa parte, os de etiqueta “0 Emisións” terán a bonificación máxima en todo o ciclo de vida do mesmo.

Os populares solicitan actualizar a ordenanza fiscal “obsoleta”, vixente dende o ano 2003, que regula o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para que Carballo se adapte ás novas medidas impulsadas pola Unión Europea para avanzar na reducción da pegada de Carbono. O portavoz do PP, Rubén Lorenzo, indica que “é imprescindible que a administración local se involucre para avanzar na reducción da pegada de carbono, incentivando a adquisición de vehículos de baixas ou nulas emisións”

A segunda moción vai en consonancia coa anterior, pero está ligada á instalación das infraestruturas necesarias para un uso intensivo destes novos vehículos. “Desde este grupo somos totalmente conscientes da incerteza que amosan os cambios, e sobre todo cambios tan importantes, por isto pedimos que se implante unha rede de cargadores de alta velocidade (10-15 minutos para recargar dun 20% a un 80% de batería ou o que aproximadamente se traducen nuns 300 km) para aqueles que teñan vehículos enchufables e, deste xeito, ofrecer un servizo público e de calidade” , apunta Lorenzo, “Esta rede de cargadores daría servizo á veciñanza carballesa, ademáis de poñer a Carballo como punto de referencia para os usuarios deste tipo de vehículos que visiten a Costa da Morte”.

Nesta liña os Populares tamén se propón que, aqueles vehículos con etiqueta “Cero Emisións” queden exentos da limitación temporal de estacionamento nas zonas azuis do Concello. “Dende o Partido Popular de Carballo cremos que cómpre adiantarse e adaptarse aos cambios normativos presentes e futuros e promover a mobilidade sostible debe de ir máis alá de instalar carriles bici, con baixa demanda e aceptación por parte da veciñanza”, afirma.

Por outra banda, dende o PP solicitouse a concienciación da veciñanza ante unha posible futura instalación dunha Zona de Baixas Emisións no núcleo urbán da vila, polo que, unha vez máis, “queremos que os carballeses sexan conscientes do que vai pasar nun futuro próximo canto antes, e estén infomados dos cambios que conlevará a normativa Europea na mobilidade das cidades, e tamén da nosa vila”.

Aseguran que seguirán facendo propostas en “positivo, para artellar novas ideas e poñelas en marcha para mellorar e facer de Carballo un concello de vangarda, sostible e implicado”.

19 may 2022 / 20:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.