Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Carballo. Sesións de aula e na horta, obradoiros, sendeirismo e visitas a lugares de interese encheron de contido a oitava Escola Ambiental // Rememoraron as vivencias do curso con imaxes do labor feito // Volverán en outubro TEXTO J. Ramos

Oito meses de aprendizaxe no medio natural con Senda Nova

A oitava edición da Escola Ambiental de Senda Nova - Concello de Carballo foi clausurada esta fin de semana no Espazo da Natureza de Oza (Carballo), nun acto ao que se sumaron as familias dos rapaces e rapazas que foron os protagonistas de oito meses de proxecto.

Un tempo no que os participantes compaxinaron as sesións de aula co traballo na horta e nos invernadoiros do Espazo da Natureza de Oza, ao tempo que ampliaron coñecementos sobre o medio que os rodea a través do sendeirismo, obradoiros de pegadas e de orientación, colocación de cámaras de fototrampeo, pernoctas e visitas a lugares de interese como Baldaio, o río Anllóns, Oza, Ardaña, Artes, Razo... Ademais adentráronse varias veces no Bosque da Ribeira da Pena, que se converteu desta volta “na mellor aula de aprendizaxe”, segundo sinalan os directivos de Senda Nova.

Na última xornada do curso, as dinámicas centráronse na montaxe e desmontaxe de tendas de campaña, unha das accións preferidas pola rapazada da escola. Asemade, a sesión complementouse cunha reportaxe fotográfica coas imaxes máis representativas de todo un ano de actividades que desenvolveron por toda a bisbarra de Bergantiños.

No punto e final deste percorrido estivo presente tamén a concelleira de Mocidade, Normalización Lingüística e Festas, Maruxa Suárez Cotelo, en representación do Concello de Carballo, que “vén apostando dende un principio e dun xeito decidido por este proxecto”, sinalan dende o colectivo ambiental.

Ademais doutros representantes municipais e da propia entidade, acompañaron á rapazada os seus proxenitores, que asistiron á entrega de diplomas e a un sorteo de importantes agasallos que se alongou ata entregar máis de 20 premios repartidos entre libros de natureza e de patrimonio, material e prendas de roupa da entidade axeitadas para as saídas ao medio natural.

O presidente de Senda Nova, José Manuel Menéndez, amosou o agradecemento “a todos os presentes e a cantas persoas poñen día a día para o conxunto do proxecto que é esta asociación”, ao tempo que deu as grazas ao “Concello de Carballo por apostar por esta iniciativa e ás familias e rapazada por marcar en negriña o camiño andado”.

Foi só un ata pronto porque, como ben anunciou: “vémonos en outubro”, cando está previsto que dea comezo a novena Escola Ambiental. Unha iniciativa que está dirixida a nenas e nenos de terceiro a sexta de primaria, aos que pretenden achegar ao patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico do seu entorno máis cercano, a través de actividades que teñen lugar todas as fins de semana durante o curso.

Conscientes de que nun futuro próximo estes rapaces e rapazas que participan na escola van ser os encargados de potenciar e dar a coñecer ese patrimonio, é fundamental que eles e elas sexan os primeiros en achegarse a descubrir todo o patrimonio que teñen arredor das súas casas.

O plan formativo da Escola Ambiental de Senda Nova dá a coñecer a importancia dos ríos e bosques, e axuda aos participantes a descubrir como vivían os antepasados castrexos, que tiñan abundantes asentamentos en Bergantiños. Ademais, ensínanlles a desfrutar da natureza, aínda que chova, e a observar e coñecer, valéndose de telescopios e prismáticos, as aves que percorren toda Europa para vir a pasar unha tempada na lagoa de Baldaio. Esta iniciativa educativa valora tamén moito os coñecementos dos avós e avoas que transmiten a súa sabedoría aos máis pequenos sobre o traballo da terra e o coidado de animais.

12 jul 2021 / 16:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.