Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Co itinerario peonil e ciclista entre Carballo e Coristanco rematará a primeira fase do plan de sendas comarcal // Estará operativo a finais deste ano // Na Laracha, Ponteceso, Cabana, Malpica e Laxe xa están transitan por elas TEXTO J. M. Ramos

Once quilómetros en Bergantiños para unha mobilidade sostible e saudable

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que o novo itinerario peonil e ciclista que unirá Carballo e Coristanco estará á disposición dos veciños a finais deste ano, cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, supervisou o avance dos traballos da nova senda que conectará estes dous municipios, e sinalou que estas obras, que comezaron a finais de abril e teñen un prazo de 8 meses, consisten na execución dun itinerario de uso compartido, para peóns e para ciclistas non deportivos, nas marxes da estrada AC-552.

Para lograr unha convivencia máis harmónica entre todos os usuarios da estrada, proxéctase unha senda de 2,5 km que, desde a saída de Carballo, en dirección a Fisterra, rematará onde se inician as beirarrúas de Coristanco.

A responsable autonómica detallou que se executará un treito de senda pola marxe esquerda, case 1,9 km desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando ata o núcleo de Coristanco. Concretou que, pola dereita, se habilitará un tramo de 600 metros que irá ata a fábrica de Calvo. O itinerario contará cun ancho suficiente para garantir desprazamentos cómodos e seguros: 2,5 metros de ancho, sobreelevado sobre a estrada e separado da vía por bordos e unha franxa verde de ancho variable en función do espazo dispoñible.

Tamén se executará unha pequena pasarela para dar continuidade ao itinerario sobre o río Grande, adosada ao viaduto existente para minimizar as afeccións na contorna. Ademais pavimentarase a senda e executaranse obras de drenaxe das augas pluviais e dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións, aínda que o Concello de Carballo xa levou a cabo unha obra de renovación dos servizos, previa á execución do itinerario.

Ethel Vázquez subliñou que esta actuación, cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020, supón un fito para a Xunta ao culminar os itinerarios proxectados inicialmente no Plan de Sendas da comarca de Bergantiños, porque os outros 6 previstos nunha primeira fase están xa rematados.

Remarcou que este plan permite poñer á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de 5 millóns de euros.

Actualmente xa se atopan en servizo os itinerarios que unen A Laracha con Paiosaco, cara o norte, e con Cancelo, en dirección sur; Xornes (Ponteceso) con Buño e Canta la Rana (Malpica de Bergantiños); Neaño e Cabana; Carballo co polígono industrial de Bértoa; e o paseo marítimo de Laxe co centro urbano.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a seguir traballando en novos proxectos para reforzar a seguridade das estradas, como o itinerario do Couto, en Ponteceso; os de Soesto e Serantes, en Laxe; ou a senda que dará continuidade á visitada este mércores e que chegará ao centro comercial Carrefour de Coristanco. O obxectivo é “facilitar os desprazamentos cotiás, pensando especialmente nos usuarios máis vulnerables”, concluíu a mandataria autonómica.

A protagonista
“Os mozos de ata 21 anos terán autobús gratuíto”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Ethel Vázquez tamén se referiu á extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova a partir do 21 de maio, polo que todas as liñas de autobús da Xunta serán gratis para os menores de 21 anos coa utilización deste dispositivo, beneficiando a todos os mozos da Costa da Morte.

Destacou que os mozos e mozas de Carballo xa viaxaban gratis á Coruña “e agora poderán facelo en todos os autobuses, incluíndo os que os levan aos distintos municipios da comarca ou cara a Santiago, e o mesmo os xoves de Coristanco e de toda a Costa da Morte”.

Subliñou que esta é “unha iniciativa cunha importante dimensión social, coa que queremos fomentar o uso do transporte público para potenciar unha mobilidade máis sostible e limpa”, engadiu.

Hai que lembrar que ata agora só se beneficiaban desta gratuidade os usuarios das liñas de transporte metropolitano, que no caso da comarca de Bergantiños unicamente se aplicaba nos desprazamentos en autobús entre Carballo e A Coruña. Con esta nova medida, os menores de 21 anos, poderán viaxar gratuitamente a calquer outro destino utilizando as liñas regulares da Xunta de Galicia. De xeito especial beneficiará a todos aqueles universitarios que teñen que desprazarse ata a cidade herculina ou a Santiago para cursar os seus estudos.

{ Pasaba por aquí }
Camiñar con seguridade
Manuel Lavandeira

afortunadamente, a diversificación tamén está a chegar á mobilidade e, pouco a pouco, a sociedade vaise concienciando de que hai vida máis alá do coche. É certo que o uso excesivo do automóbil non estaba motivado só por comodidade, senón porque cando se deseñaron e executaron as estradas ninguén pensou na xente que se despraza a pé ou en bicicleta, polo que camiñar ou dar pedais pola beira das mesmas converteuse nun exercicio de risco. Por iso hai que dar a benvida a estas novas sendas, xa que aportan esa seguridade que viñan demandando peóns e ciclistas. Ao mesmo tempo, facilitar este tipo de mobilidade é un investimento na saúde dos seus usuarios e tamén en sostibilidade, o cal agradecerá o planeta.

19 may 2021 / 17:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.