Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os carballeses reciclaron 239 toneladas de residuos orgánicos en nove meses

Dende a posta en marcha do programa Ti tes a chave na zona urbana de Carballo, a mediados de xullo do ano pasado, os carballeses enviaron á planta de compostaxe de Sogama un total de 239.020 quilos de residuos orgánicos. Neste mes de marzo acadaron os 32.120 quilos.

Os interesados en sumarse á iniciativa poden recoller a súa chave para abrir os colectores marróns de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, no local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34), e esta semana tamén o xoves e o domingo, coincidindo coa celebración do mercado e da feira, no posto informativo que se instalará na rúa Coruña de 10.30 a 13.30 horas. Recibirán tamén un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitar a separación dos restos orgánicos no fogar, tres atados de bolsas compostables, e un tríptico informativo, todo de balde.

Nestes momentos, 1.253 familias e 123 establecementos están xa a depositar os residuos orgánicos no colector marrón. Dende o Concello de Carballo apostan pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos e animan á veciñanza a que aposten “por un sistema que contribúe á redución das emisións de dióxido de carbono, garante un fertilizante de calidade e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que a tarifa que se paga a Sogama polo tratamento da quinta fracción é inferior á que se debe abonar pola bolsa negra xenérica”, afirman.

05 abr 2021 / 20:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.