Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os terreos nos que se atopa o menhir de Erboedo pasan a ser titularidade do Concello larachés

O obxectivo é preservar o seu valor histórico // Adquiriranse tres parcelas que suman unha superficie de 4.651 metros cadrados cun investimento que ronda os 8.000 euros

A Laracha. Na última sesión da Xunta de Goberno Local foi aprobado o proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo –tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho- co propósito de adquirilos para preservar o valor histórico do que é un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.

O menhir de Erboedo está datado na Idade de Bronce. Trátase dunha pedra de granito groso, con vetas de cuarzo e feldespato, que alcanza os dous metros de altura. Na súa base posúe catro pedras do mesmo material a modo de calzos de apoio.

O goberno local impulsará o Plan Especial de Patrimonio Cultural -que supuxera unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)- precisamente co obxectivo de ofrecerlle a máxima protección a este menhir e a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal –Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres- e posibilitar a súa adquisición polo Concello para conservalos e poñelos en valor.

O documento de expropiación aprobado delimita o ámbito territorial en canto a situación xeográfica, superficie e lindes, con descrición dos bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares dos terreos. En virtude do mesmo está previsto un investimento duns 8.000 euros para adquirir unha superficie de 4.651 metros repartidos en tres parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes. A taxación foi realizada mediante a capitalización da renda anual da explotación segundo o seu estado. A tramitación é polo procedemento de taxación conxunta.

Continuando cos trámites administrativos, o acordo da Xunta de Goberno Local será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios dos terreos e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.

Unha vez completado o procedemento de compra, o Concello estará en disposición de levar a cabo as actuacións precisas para permitir a conservación do menhir, poñelo en valor e acondicionar o terreo e os accesos.

02 ene 2021 / 15:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.