Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pechan varias praias de Bergantiños debido ás carabelas portuguesas

Foron detectadas en diferentes areais de Ponteceso, Malpica e Carballo e no de Caión

A Laracha. A presenza de carabelas portuguesas obrigou aos concellos da Laracha e Ponteceso a pechar as súas praias, como tamén se fixo xa noutros municipios da provincia coruñesa.

O Concello da Laracha acordou onte inmpedir o acceso á de Caión tras detectarse a presenza na area de numerosos exemplares de carabela portuguesa, “un organismo que, pola súa toxicidade, pode resultar perigoso para o ser humano”, segundo sinalan fontes municipais.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto desprazáronse ata a vila costeira e, tras realizar unha comprobación visual por todo o areal, localizaron a presenza desta especie na zona das Salseiras e do Caracoleiro, “isto é, na parte da praia máis afastada do centro da vila de Caión”, afirman.

Durante as próximas horas os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha encargaranse da súa retirada. Unha vez completados os traballos procederán á reapertura do mencionado areal caionés.

A mesma decisión foi adoptada o pasado domingo polo Concello de Ponteceso, logo de detectar tamén a presenza destes organismos nos areais de Niñóns e A Barda. Os voluntarios de Protección Civil limparon e retiraron este luns as carabelas portuguesas atopadas neses areais. O acceso volve a estar permitido, aínda que dende o Concello recomendan manter as medidas preventivas durante os próximos días.

Pola súa banda, en Carballo os membros de Protección Civil retiraron onte máis de 600 exemplares das praias de Razo e Baldaio, “pero aínda quedan moitos máis”, afirman dende o Concello. En días pasados tamén se avistaron exemplares da referida especie en praias de Malpica de Bergantiños. M. Lavandeira

04 ene 2021 / 16:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.