Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Piden colaboración as administracións para homologar O Camiño dos Faros

Os edís non adscritos de Ponteceso critican a pasividade do alcalde por non limpar a ruta // Aseguran que os hostaleiros están a recibir queixas dos sendeiristas

Os edís non adscritos (exsocialistas) de Ponteceso din que están a recibir “queixas dos establecementos que reciben a persoas que percorren o Camiño dos Faros, as cales lles trasladan o seu malestar polo mal estado da ruta na etapa que percorre o noso concello”. Sinalan que “o camiño está cheo de toxos e teñen dificultades para recoñecelo pola grande cantidade de vexetación que non permite saber nin onde se poñen os pés, nin ver a sinalización da ruta”.

Aseguran que nalgún establecemento pontecesán pernoctaron no ano 2020, en plena pandemia, “máis de mil camiñantes e este ano as previsións eran maiores ata que o mal estado da ruta se fai público nas redes sociais ou por outros medios”. Os concelleiros da oposición din que “e responsabilidade do Concello de Ponteceso manter en boas condicións o percorrido por respecto aos camiñantes pero tamén porque o Camiño dos Faros é unha fonte de riqueza para o sector servizos. Hoteis, restaurantes, supermercados e mesmo o resto do comercio teñen nos camiñantes unha fonte de ingresos á que non poden nin deben renunciar”.

Din que non vale de nada “que o alcalde presuma da marabillosa ruta que percorre o noso concello, e que invite a vir coñecela se non cumpre co seu compromiso de mantela en boas conducións para os camiñantes”.

Agradecen á Asociación O Camiño dos Faros o traballo desenvolvido, “por dar a coñecer o noso patrimonio paisaxístico, cultural e gastronómico, así como pola loita por conseguir darlle unha legalidade e unha seguridade á ruta mediante unha homologación que non chega por parte da administración correspondente”.

Instan ademais ás administracións implicadas (concellos polos que pasa a ruta, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia) así como á Federación Galega de Montañismo “a que colaboren da forma que lles corresponde e que entendan que do futuro da ruta depende o futuro das persoas e dos negocios da Costa da Morte. É contraditorio que lle outorguen ao Camiño dos Faros o Premio Galicia de Turismo Sustentable e logo non se homologue; que vaiamos vendelo en feiras de turismo nacionais e internacionais e que logo estea nas condicións nas que está”.

Consideran ademais “vergoñento” que despois de que entidades mundiais, revistas, e que Booking crease unha rexión Camiño dos Faros ou que a World Trails Network (asociación que agrupa as mellores rutas do mundo) seleccione esta ruta para formar parte do magazine Trail & Beyound, se logo as nosas administracións non coidan tan grande fonte de riqueza”. Temos, engaden, “un medio para evitar iso que chaman a España vaciada e a despoboación de Ponteceso e quedemos de brazos cruzados ante a pasividade do alcalde, que permite o estado de abandono no que está o camiño na etapa que atravesa o noso concello”.

25 jun 2021 / 19:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.