Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ponteceso contratará cinco persoas no marco do Plan de Emprego Local

Traballarán, como mínimo, ata finais de novembro // Recibirán formación en xardinería por parte da concesionaria do servizo municipal

Ponteceso é un dos primeiros concellos en ter selecionado, por concurso oposición, ás cinco persoas que van ter contrato como mínimo ata finais de novembro como parte do Plan de Emprego Local, aínda que o desexo do Concello é que estean ata fin de ano, se hai fondos suficientes. A Deputación duplicou a aportación este ano para a contratación de persoas desempregadas en Ponteceso, pasando de 37.000 euros en 2020 a 74.000 € no 2021.

A acta da comisión de selección xa está publicada na web municipal. As persoas candidatas poden presentar alegacións e a documentación esixida nas bases durante tres días hábiles. A intención do goberno local é que poidan empezar a traballar en abril, desempeñando as súas funcións de luns a domingo. Os perfís seleccionados foron un condutor, dous albaneis e dous operarios de servizos básicos. As persoas operarias que non entren a unha das dúas prazas van poder traballar na limpeza de praias, que a Deputación subvenciona con 33.840 euros.

O Concello vai seguir convocando prazas de emprego ata esgotar os recursos propios, toda vez que 2021 vai ser un ano para “apretar o cinto", afirman dende o goberno local. A non aprobación do POS 2021 sitúa ao concello nunha situación límite, como explicou o alcalde, Lois García. “O ano pasado, a Deputación ingresounos 385.000 euros para gasto corrente. Con eses cartos pagamos, por exemplo, o gasoil e o mantemento do tractor de desbroce e o camión guindastre con cesta, o material de construción para os albaneis do PEL e o material para desbroce, lavado a presión das rúas e beiravías e a roupa e equipos de protección de todos os traballadores e traballadoras. Este ano íamos recibir incluso máis, pero o POS 2021 perdeuse; agora hai que apretarse o cinto e renunciar a moitas cousas”.

Ademais, creouse unha Bolsa de Emprego para substitucións, baixas e novas contratacións sociais, como o persoal de limpeza de praias, formada por tres condutores, seis albaneis e doce operarios. As candidatas e candidatos que están en máis dunha lista, poden elixir a praza cando os convoquen, sen desaparecer por iso das listaxes nin perder o posto correspondente. Esta bolsa de emprego manterase durante tres anos, permitindo así unha maior axilidade na contratación cando haxa máis fondos, novas subvencións, baixas ou renuncias.

Por outra banda, os operarios do PEL e do Plan de Emprego Social municipal van recibir formación específica en xardinería por parte da concesionaria municipal. O alcalde de Ponteceso e o xerente da empresa de xardinería, mantemento de parques infantís e biosaudables, e campos de fútbol de herba artificial, chegaron a un acordo para que, sen custe ningún para o concello, dea formación específica aos traballadores municipais.

Lois García asegura que “en moitas aldeas de Ponteceso, que están fora do contrato de xardíns, queremos intervir en recunchos abandonados, para realzar aínda máis a beleza dos nosos fermosos núcleos rurais, e imos facelo aproveitando a colaboración desinteresada da empresa, que sacou a concesión por concurso aberto. As nosas traballadoras e traballadores vanse formar na xestión de zonas verdes e creación destes microxardíns que aledan moito os recunchos das nosas aldeas. Queremos agradecer a responsabilidade social da empresa. Ponteceso leva dous anos co galardón Vilas en Flor e queremos seguir mellorando en ter un concello verde e bonito”.

20 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.