Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ponteceso pode perder outros douscentos mil euros de fondos da Deputación

A oposición rexeitou a proposta do goberno do Plan Complementario e reprobou ao alcalde

Ponteceso. O Concello de Ponteceso corre o risco de perder tamén os 212.000 euros do Plan Complementario da Deputación da Coruña. No último pleno, os grupos da oposición PP (2), Apin (2) e non adscritos (6) volveron facer valer a súa maioría para rexeitar a proposta do goberno (PSOE, 3 concelleiros). Ademais, todos eles apoiaron unha moción de reprobación do alcalde, Lois García, que fora presentada por Apin.

Dende o goberno local aseguran que tentaron reunirse cos concelleiros e concelleiras de PP e Apin antes do pleno, pero “non foi posible”. Din que o seguirán tentando “ata o derradeiro día de prazo antes de que se perdan outra vez os fondos provinciais”.

“Estamos seguros de que os veciños e as veciñas que votan ao PP ou a Apin non o fan para que se perdan as subvencións da Deputación”, afirma o alcalde, quen lles pide “que reconsideren a negativa a sentar con nós para chegar a un acordo”. Lois García apela tamén ao PP provincial e autonómico e pídelles “que antepoñan os intereses de Ponteceso antes que as estratexias de partido”.

Asimesmo, di percibir igualmente “unha gran indignación en Ponteceso porque a veciñanza está pagando os recibos pero ve que, ano tras ano, o pleno local é o único da provincia que rexeita os cartos e nin sequera se queren sentar co goberno local”.

Pola súa banda, o edil non adscrito Daniel García critica que o rexedor só queira “chegar a acordos co PP e Apin, tentando menosprezar aos non adscritos”. M. Lavandeira

28 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.