Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Preto de 1.300 persoas gozan das actividades de inverno na vila larachesa

Permanece aberto o prazo de inscrición de varias especialidades e outras están cubertas

A Laracha. De “rotundo éxito” cualifican dende o Concello da Laracha a participación no programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno. Apenas quince días despois de iniciarse as primeiras disciplinas xa se contabilizan preto de 1.300 persoas inscritas entre as 31 propostas ofertadas.

O público adulto é o que está a ter maior presencia, xa que entre as dezaseis propostas dirixidas a ese colectivo hai máis de 850 persoas anotadas. Nas quince actividades para o público infantil hai preto da metade de inscritos, en torno a 450 nenos.

Unha vez máis, ximnasia de mantemento é a que presenta un maior número de inscritos cun total de 203. Isto é posible por tratarse dunha actividade dirixida a todos os públicos -apta, tamén, para o colectivo das persoas maiores- e porque o Concello a oferta nas trece parroquias para facilitar a asistencia dos residentes no rural.

Entre as actividades que maior interese espertaron para a poboación larachesa e nas que xa están todas as prazas cubertas atópanse pilates (75 participantes), ioga (54), bailes latinos (26), cociña (20) e pádel (20), todas elas dirixidas ao público adulto. No caso das infantís, a única co cupo completo é pequecociña, con 20 nenos.

Entre os adultos, destaca tamén a alta participación en memoria e alfabetización, zumba e aérobic, con máis de setenta anotados en cada unha delas, pero aínda con prazas dispoñibles nalgunhas das súas quendas. Tamén permanece aberta a inscrición para teatro, restauración e tapizaría, manualidades e pintura ao óleo, macramé, labores de tecido, informática, encaixe de palillos, danza urbana e arte floral.

No caso das actividades infantís, os rapaces aínda poden anotarse en zumbea, xadrez, voleibol, tiro con arco, teatro, skate, robótica e gaming, patinaxe, pádel, manualidades e debuxo, ioga, informática e fútbol sala. Cabe lembrar que a cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración da actividade, e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade.

10 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.