Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Prevén comezar a ampliación do polígono empresarial da Laracha o vindeiro ano

Bergantiños. A Xunta de Galicia, Solo Empresarial do Atlántico (SEA) e o Concello da Laracha avanzarán cada un desde o ámbito das súas respectivas competencias co obxectivo de poder comezar o vindeiro ano coa ampliación do actual parque empresarial do municipio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o alcalde larachés, José Manuel López, analizaron os pasos a seguir para impulsar a incorporación dun novo ámbito ao polígono, iniciativa que obedece á consolidación desta área industrial e ás necesidades de implantación de novas empresas no municipio.

A conselleira lembrou que o Goberno galego aprobou en 2021 a modificación do proxecto sectorial do parque para flexibilizar e axilizar a implantación de empresas a través, por exemplo, da regulación das alturas máximas das edificacións en determinadas ordenanzas e ao admitir e regular o usos de instalacións de enerxía renovable para o autoconsumo. Así mesmo, a ampliación do polígono da Laracha tamén está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que tramita o Instituto Galego da Vivenda e Solo e actualmente está en fase de información pública.

Ata o momento, a conselleira indicou que non se recibiron alegacións con relación a esta área empresarial —o prazo finaliza o 16 de novembro— e avanzou que a previsión da Xunta é poder aprobar de forma definitiva o novo PSOAEG a vindeira primavera.

Tramitación paralela do Plan estruturante

O parque industrial da Laracha pasará dos seus actuais 825.249 metros cadrados, a superar os 1,1 millóns de metros cadrados. A nova delimitación estará no linde norte do polígono, unha localización que permitirá aproveitar o viario actual como vía de acceso e soporte das infraestruturas de servizo, co conseguinte aforro.

Unha vez estea aprobada a modificación do PSOAEG, a conselleira subliñou que SEA, na súa condición de promotor, estaría en disposición de levar a cabo o proxecto de ampliación, incluíndo a redacción e tramitación de todos os documentos urbanísticos necesarios, a obtención dos terreos e a súa urbanización.

Por iso, tendo en conta o avanzado estado de tramitación do PSOAEG, Ángeles Vázquez considerou oportuno e necesario que, paralelamente, SEA inicie o proceso de redacción do Plan estruturante de ordenación —figura creada na nova Lei de áreas emrpesariais de Galicia—, necesario para levar a cabo a futura ampliación co fin de axilizar a tramitación e reducir os prazos.

13 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.