Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Primavera teatral en Paiosaco

O Concello da Laracha presentou o programa da décima edición da Primavera Teatral de Paiosaco, afianzada como un dos grandes referentes da programación cultural municipal. Desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural constará de tres espectáculos.

A primeira cita será o venres día 9 con Chola, a IT Girl. Laura Valverde porá en escena á protagonista da peza, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber. Á semana seguinte, o venres 16, a compañía Malasombra Produccións chega con Go On!, unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral mediante dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago.

O ciclo pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones. Todas as funcións serán con entrada gratuíta por orde de chegada e ata completar o aforo máximo permitido. Na organización colabora a Deputación da Coruña.

Posibles cambios

En todo caso a celebración do programa e as condicións de acceso estarán suxeitas a posibles cambios en función da situación epidemiolóxica e das medidas sanitarias e sociais que poidan establecer as autoridades competentes.

A día de hoxe a situación sanitaria limita a asistencia de público ao trinta por cento do aforo do auditorio do centro sociocultural da Porta Santa e estipula a obrigatoriedade de que as persoas que ocupen o patio de butacas permanezan coa máscara posta durante toda a función. Ademais, debido á limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, decidiuse adiantar a hora de inicio das funcións con respecto a edicións anteriores e as obras comezarán ás 20:00 horas.

Cumprindo estritamente ditas medidas de seguridade, o Concello programou a Primavera Teatral co dobre obxectivo de ofrecer á cidadanía unha oportunidade para achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características e de apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.

27 mar 2021 / 17:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.