Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Primeiro paso para unha nova área comercial na Laracha

A Laracha. O goberno larachés aprobou con carácter inicial o Plan parcial AR-S1 Gallega de Mallas, que promove a sociedade Inmobiliaria Gabenlle. Fíxose unha vez superados os trámites de consulta pública e de avaliación ambiental estratéxica. Continuando co procedemento administrativo, o documento estará en exposición pública durante dous meses e pendente dos preceptivos informes sectoriais antes de elevarse a aprobación a definitiva.

Este plan parcial, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), é unha iniciativa privada que ten por finalidade crear un novo ámbito comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552. Presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2 , dos cales corresponde unha cesión do dez por cento ao Concello. O promotor asumiría, ademais, os custes da creación do novo viario e da glorieta de acceso desde a AC-552, así como de 177 prazas de estacionamento público no ámbito.

O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como “unha achega positiva á actividade comercial, xa que o sector quedaría integrado na trama urbana da vila e sería un motor comercial ao abrir novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal”, sinalan desde o Concello.

Por outra banda, acordouse adxudicar as dúas liñas de axudas municipais dirixidas aos estudantes. Fíxose de acordo á proposta da Comisión de Valoración que durante as últimas semanas analizou e avaliou en base aos criterios establecidos nas bases das convocatorias a totalidade das solicitudes presentadas.

Á habitual liña de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos presentáronse 417 solicitudes. Esta convocatoria de subvencións do Concello está dotada con 55.000 euros para cooperar no financiamento da adquisición do material escolar e didáctico complementario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2021-2022. As contías das subvencións son de 125 euros para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria e secundaria obrigatoria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles que requiran de necesidades educativas especiais.

A outra convocatoria municipal de axudas aos estudantes ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático. O Concello dotou con 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico. Neste caso, a contía das axudas é de 200 euros por beneficiario. O Concello publicará na web municipal (www.alaracha.gal) o listado dos beneficiarios.

19 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.