Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Primeiro Trail Costa da Morte bordeando o litoral de Malpica de Bergantiños

A proba discorrerá polo Camiño dos Faros, entre Punta Nariga e a Praza de Anselmo Villar Amigo // Ao remate os participantes serán convidados a unha paella mariñeira

Malpica acolle este sábado, día 16 de xullo, o I Trail Costa da Morte ‘Os nosos faros’, unha cita atlética que nace para poñer en valor a beleza dun percorrido costeiro de 18,2 quilómetros entre o faro de Punta Nariga e a Praza de Anselmo Villar Amigo. Ao mesmo tempo, a organización quere reivindicar e concienciar sobre a importancia de conservar e respectar o patrimonio que é de todos, logo de que o pasado mes de marzo desaparecese a escultura Atlante, obra do artista Manolo Coia, a cal formaba parte do conxunto arquitectónico do referido faro, deseñado polo arquitecto César Portela.

A proba, organizada polo Club de Atletismo Marineda e a Federación Galega de Atletismo, en colaboración con Concello de Malpica, a Deputación da Coruña, Puerto de A Coruña e Gadis, foi presentada na casa consistorial de Malpica nun acto presidido polo alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo. Participaron tamén o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o concelleiro Miguel Fernández, e Juan Carlos Rodríguez, en representación da organización, entre outros.

O trail, que comezará ás 9.30 horas, discorrerá por espazos naturais e áreas de grande interese turístico de Malpica, como Punta Nariga, a praia e o porto de Barizo e o cabo de Santo Hadrián, dende onde os participantes poderán desfrutar dunhas impresionantes vistas das illas Sisargas. Un itinerario enmarcado en boa parte no trazado do popular Camiño dos Faros. A entrega de dorsais terá lugar de 08.00 a 08.50 horas na Praza Anselmo Villar Amigo e, posteriormente, os participantes serán trasladados en autobús ata o faro de Punta Nariga. Ao remate da proba, todos os participantes están convidados a degustar unha gran paella mariñeira.

O alcalde, Eduardo Parga, agradeceu aos promotores que elexisen Malpica como escenario desta proba e agarda que axude a dar visibilidade “á beleza de Malpica, e que sexa o inicio de moitas máis”.

15 jul 2022 / 13:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.