Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Protección Civil actuou en 650 operativos vinculados ao coronavirus en Carballo

Galicia mobilizou 5.000 voluntarios // Repartiron alimentos e medicamentos e acompañaron a moitas persoas que viven soas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, que realizou 650 operativos nos últimos meses relacionados co coronavirus, que se suman aos 100.000 levados a cabo en toda Galicia.

Agradeceu o traballo e a implicación dos 5.000 voluntarios de 230 agrupacións que estes meses foron mobilizados coa activación do Plan Territorial de Emergencias de Galicia (Platerga) e levaron a cabo cerca de 100.000 operativos baixo a coordinación do Goberno galego.

No caso da agrupación de Carballo, os 45 voluntarios de Protección Civil centráronse no reparto de alimentos e medicamentos, ademais de visitar a persoas que viven soas para comprobar o seu estado. Asemade, encargáronse de tarefas de desinfección de espazos públicos.

Alfonso Rueda afirmou que a Xunta quere “seguir poñendo en valor o labor dos miles de persoas que forman parte de Protección Civil, que sempre están aí”. Destacou que realizan intervencións de todo tipo, “que resultan absolutamente imprescindibles para complementar todo o que se está facendo dende as administracións. E fano persoas voluntarias que se forman para despois adicar o seu tempo a axudar aos demais, e seguirán facéndoo”.

Por outra banda, o vicepresidente autonómico, que visitou as instalacións de Protección Civil na compaña do alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que o Concello de Carballo “é dos que máis se ten implicado co servizo de Emerxencias” e apelou ao “traballo conxunto das distintas administracións”.

Rueda lembrou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 17 millóns en dotar as agrupacións de Protección Civil. No caso de Carballo, o investimento ronda os 82.000 € e, entre o material entregado inclúese un furgón e unha carpa presurizada, unha embarcación, un baúl de salvamento, e traxes protectores.

O alcalde, Evencio Ferrero, resaltou o traballo “intenso” dos voluntarios e a súa “responsabilidade e moita profesionalidade”. Desexa que a visita de Rueda sirva para “seguir reforzando os servizos de Protección Civil, que tan boa valoración teñen por parte da cidadanía”.

28 oct 2020 / 16:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.