Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Queiman catro contedores en Caión

O lume afectou tamén a un transformador eléctrico e varios edificios sufriron cortes do subministro // Preocupa no Concello a sucesión de actos vandálicos na vila

A vila de Caión sufriu durante a pasada madrugada un acto vandálico que supuxo a queima de catro contedores de lixo (iglús de vidro e papel-cartón e colectores amarelos de envases e gris da fracción resto) situados na Avenida Méndez Núñez -baixada ao porto desde a praza Eduardo Vila Fano- e provocou importantes danos no cadro e o transformador eléctrico existentes nas súas inmediacións.

Aproximadamente ás catro da mañá acudiron os bombeiros de Carballo para sufocar o incendio. Tamén se persoaron no lugar axentes da Garda Civil. Como consecuencia deste acto, varios edificios de Caión sufriron o corte do subministro eléctrico durante a noite, que foi restablecido nesta mañá. Do mesmo xeito, tamén se viu afectado o servizo de iluminación pública. O Concello fixo as comprobacións oportunas para detectar posibles danos no alumeado.

A Policía Local da Laracha iniciou unha investigación para tratar de dar cos responsables do sucedido, solicitando a colaboración cidadá co propósito de esclarecer os feitos.

O Concello “lamenta profundamente o sucedido, non só polo custe económico que suporá para as arcas municipais, tamén por perturbar a tranquilidade da vila e provocar incidencias no subministro eléctrico tanto en vivendas particulares como en establecementos comerciais”. Do mesmo xeito, mostra a súa preocupación pola sucesión de actos vandálicos que se están a rexistrar na vila de Caión nas últimas semanas, xa que tamén se produciron recentemente a queima doutro contedor de lixo, o roubo de dous amarres de colectores e a ruptura de varias balizas do alumeado público do paseo marítimo.

05 may 2022 / 17:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.