Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Razo e Baldadio consolídanse como un destino máis alá da época estival

O responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fixeron balance da tempada de praias e, máis alá das 366 atencións de botiquín ou os 9 salvamentos realizados, puxeron de relevo a importancia do litoral carballés como un destino de referencia incluso fóra da época estival.

“Temos que cambiar o concepto de Razo-Baldaio, porque xa é un espazo de lecer para todo o ano, e nesa liña imos traballar dende a área de Praias”, indicou Javier Souto. Destacou como unha das principais características do verán a elevadísima afluencia ás praias, e iso a pesares do mal tempo. Xullo e setembro foron meses malos no que respecta ás condicións meteorolóxicas, e só agosto salvou un pouco a tempada. “Aínda así, se houbese un contador á entrada das praias, as cifras de visitantes serían de récord”, engadiu.

“Estamos ante unha nova realidade –abundou o alcalde- que tamén se ve na aposta da iniciativa privada por este espazo, que xa é un punto de encontro para o surf, para o ocio e tamén para desfrutar cos amigos e coa familia”. E a todo iso súmase a singularidade medioambiental do litoral carballés, “que é un recurso que debemos aproveitar”, engadiu Miguel Vales.

Ante esta realidade, as políticas do Concello de Carballo en materia de praias adáptanse para dar resposta ás necesidades derivadas dos diferentes usos que ten o litoral. Así, por exemplo, a extensión do abastecemento de auga permite utilizar xa a rede pública nos aseos e duchas de Razo, e a próxima tempada tamén en Baldaio, como destacou o concelleiro de Medio Ambiente.

Carballo é tamén un dos poucos concellos galegos nos que a Unidade de Salvamento Acuático funciona durante tres meses, ademais de ser dos primeiros en poñer en marcha o servizo. Contan cun servizo de limpeza operativo todo o ano, con distinta intensidade segundo as épocas, e ademais tres bandeiras azuis, ISO, EMAS, sendeiro azul “e calidade excelente das augas en todas as zonas de baño”, engadiu.

Ademais dos servizos, Razo e Baldaio ofrecen condicións medioambientais únicas. Dalas a coñecer para que as persoas usuarias “respecten os distintos usos” é, como indicou Javier Souto, o gran reto ao que se enfronta o servizo. Nesa liña, nos últimos anos estase a desenvolver o programa Eu quero Razo-Baldaio en colaboración coas agrupacións ecoloxistas Senda Nova, Hábitat e Adega, con moi boa acollida. Este verán tamén se levou a cabo unha campaña en colaboración co Seprona para fomentar o respecto polas zonas de aniñamento da píllara das dunas, unha especie protexida. Outro aspecto no que se está a traballar é o da ordenación dos usos, a través dos plans especiais que están en tramitación, e na mellora da imaxe turística a través de normativas como o estudo da fachada de Razo ou accións de renovación do mobiliario urbano como a que se vai acometer nos próximos meses coa substitución de 1.200 metros de pasarela de madeira, cun investimento de 175.000 euros.

05 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.