Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rebaixas de ata o 70% na Semana de Oportunidades de Carballo

Un total de 46 establecementos asociados ao CCA participarán na feira do 28 de febreiro ao 6 de marzo

Carballo. Este domingo dá comezo a Semana de Oportunidades na que participarán 46 establecementos do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA). Nesta feira, que se prolongará ata o sábado 6 de marzo, haberá descontos de ata un 70% nunha variedade de produtos que inclúen moda, confección, calzado, xoiarías, deporte, perfumaría ou mobles, e tamén outras ofertas menos habituais neste tipo de citas en sectores como o da nutrición, docerías, salóns de peiteado, tendas de xoguetes ou de electrodomésticos, entre outros.

Segundo informou o presidente do CCA, Ricardo Pallas, deberanse respectar as medidas de seguridade e restricións actuais como o límite de aforo do 50%.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, quixo agradecerlle ao sector o seu labor, xa que constitúe un tecido “vivo, dinámico, que non para de buscar alternativas”. Tamén quixo reivindicar a importancia do comercio de proximidade xa que a falta de mobilidade xerada pola pandemia “axudou a que volveramos a mirar cara ao local”, unha ollada que considera que debe manterse “porque temos de todo e bo” e que debe servir tamén para seguir traballando e conseguir que “a nosa primeira opción de compra sexa sempre o noso comercio”.

A presentación da Semana das Oportunidades, celebrada este xoves no Museo de Bergantiños, contou así mesmo coa presenza do vicepresidente do CCA, Germán Riveiro Bértoa, coa súa xerente, María del Carmen Freire, e co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Este último pechou o acto transmitíndolle os seus parabéns ao comercio da vila “porque en situacións difíciles somos capaces de crear o noso nicho e oportunidades comerciais e de negocio”.

26 feb 2021 / 13:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.