Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recuperan do caixón das lembranzas a memoria do século pasado en Cabana

Máis dun cento de fotografías viron a luz grazas á colaboración da veciñanza // O Concello difundiunas nas súas redes sociais

Manter vivo na memoria o seu pasado é un dos obxectivos da campaña de recollida e difusión de material fotográfico do século XX impulsada polo Concello de Cabana de Bergantiños. Unha iniciativa que permitiu recuperar xa máis dun cento de fotografías do caixón das lembranzas grazas á colaboración dos veciños e veciñas do municipio.

Hai que subliñar ademais a variedade temática das imaxes recuperadas nas distintas parroquias do municipio. Así, poden verse dende os tradicionais retratos dos máis cativos ata fotos de familias ao completo e, sobre todo, moitas relacionadas cos traballos agrícolas e gandeiros do século pasado. Entre as fotografías destacan varias adicadas á colleita e ao mallado do trigo, tanto de xeito tradicional axudándose das vacas nunha eira, como coas antigas máquinas de mallar. Actividades estas que constituían un modo de socialización, xa que neste tipo de tarefas xuntábanse os veciños do lugar.

A escuncha ou esfollado do millo é outro dos labores que aparecen recollidas nas fotografías, e que adoitaban ser tamén xornadas de cooperación, nas que participaban xentes de todas as idades.

A matanza do porco, costureiras e aprendices, as romarías e festas, as xornadas de praia, o gando, os labores domésticos, o coidado das crianzas e mesmo unha travesía nunha gamela polo esteiro do Anllóns foron outras das actividades inmortalizadas coa cámara no século XX e recuperadas agora a través desta campaña.

A resposta da cidadanía foi tal que, dende Concello din que esta é xa “unha das iniciativas culturais de máis éxito no noso municipio”.

Todo arrincou o pasado 1 de marzo, cando se comezaron a publicar as imaxes nas redes sociais municipais no marco das actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller. A boa acollida da proposta fixo que decidisen prolongar a campaña.

O departamento de Cultura está actualmente en proceso de recollida e catalogación de todas as imaxes recibidas. O obxectivo é publicar un libro e organizar unha exposición con todas elas baixo o título O caixón das lembranzas.

De momento interrompeuse a publicación das imaxes en Facebook e Instagram, “co obxectivo de reservar parte do arquivo co que conta o Concello e centrarse na súa ampliación”, sinalan.

Non obstante, todas aquelas persoas interesadas en ceder as súas fotografías persoais poden envialas a través dun formulario de participación habilitado na páxina web municipal (www.cabana.gal) e nas redes sociais. O único requisito é que sexan fotos tomadas no Concello de Cabana. Desde o departamento de Cultura poranse en contacto coas persoas apuntadas para arquivar as imaxes e catalogalas.

XUNTANZAS VIRTUAIS. O alcalde de Cabana, José Muíño, agradece a “colaboración de todas e todos os cabaneses que participaron na campaña nas redes sociais ó longo do último mes”. Di que no Concello teñen constancia de que “moitas persoas aproveitaron as publicacións para xuntarse virtualmente e lembrar vellos tempos”.

Ademais, o rexedor asegura que esta iniciativa está a supor tamén “un pulo de aire fresco e motivación para moita xente nun contexto sanitario tan adverso”.

09 abr 2021 / 18:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.