Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
As malas condicións do oficio fan que careza de relevo xeracional // “Que nós non poñamos os pés na auga non implica que non sexamos fundamentais”, sinala Verónica Veres, presidenta da Federación O Peirao

Redeiras, o oficio imprescindible e á vez invisible na costa galega

En pleno século XXI segue a haber oficios que se descoñecen e que polo tanto non reciben o valor que merecen. Este é o caso das redeiras: persoas imprescindibles para as labores do mar e o pilar económico de moitas familias das poboacións costeiras de Galicia. Día tras día centos de mulleres cosen e recosen as redes coas súas propias mans.

Tras o accidente do Prestige no ano 2002, as redeiras galegas comezan a asociarse co propósito de dignificar a profesión ante unha situación de invisibilidade. Co paso dos meses contémplase a posibilidade de crear unha Federación con todas as asociacións de Galicia, que recibe o nome de O Peirao. Deste xeito, o 1 de novembro de 2004 realízanse as eleccións para a constitución do Consello Rector, formado finalmente por cinco mulleres redeiras de diferentes portos galegos.

Dende ese momento, O Peirao serve de intermediario entre a Administración e as redeiras. Como obxectivos están o dar a coñecer o seu oficio e melloralo en todos os seus aspectos: condicións de traballo, salarios, cobertura social, relacións externas e impacto sobre o medio ambiente...

A día de hoxe hai oito asociacións federadas: Atalaia (Baixo Miño, A Guarda), Cariño, Cedeira, Illa da Estrela (Corme), O Cerco (Cangas do Morrazo), O Fieital (Malpica de Bergantiños) e Portosín. “De case 600 persoas que hai dadas de altas como redeiros e redeiras de toda España, case 500 son de Galicia (404 mulleres 96 homes)”, sinala Verónica Veres Tasende, presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás.

ACREDITACIÓN PROFESIONAL. Na nosa Comunidade a cifra vai diminuíndo co paso dos anos xa que non hai relevo xeracional. Verónica explica que un dos principais motivos polos que a xente nova non se adentra neste mundo é porque descoñecen onde se pode sacar o título. Resulta que na actualidade é necesaria ter unha acreditación profesional que recibe o nome de “Confección e Montaxe de Artes e Apararellos” para poder desenvolver a actividade. “Os cursos non se fan seguido e convócanse en función das axudas da Xunta. Ademais de momento só se cursa de forma non reglada porque en Educación aínda non está incluído”, afirma. A situación é moi diferente en comparación con décadas atrás. Verónica recorda perfectamente como anteriormente si nunha casa había catro mulleres, as catro ataban. Pero antes as súas labores non figuraban de ningún xeito polo que era difícil saber o número de persoas que se adicaban a este oficio.

AS MÁIS PERXUDICADAS NO SECTOR DA PESCA. Na loita por dar visibilidade ao seu traballo e mellorar as condicións laborais, a COVID supuxo a anulación dunha reunión na que se resolvería parte da negociación co Secretario de Estado de Seguridade Social para conseguir obter o coeficiente reductor. Son as únicas do sector da pesca que non o teñen e tampouco están contempladas na Lei de Pesca polo feito de que dita lei só recoñece ás persoas que teñen contacto directo coa auga. “Se nós non traballamos os barcos non poden saír ao mar. Que nós non poñamos os pés na auga non implica que non sexamos fundamentais”, considera Verónica Veres. E as preocupacións non rematan ahí. Deben loitar cos armadores pola revalorización de prezos “porque sempre pasa que cando algo non está ben regulado non se lle da o recoñecemento económico que ten que ter”. Unha loita continua co fin de conseguir que se valore o labor artesán.

CURSOS E PROXECTOS. Periodicamente, O Peirao convoca e participa en diversos cursos e proxectos. Os cursos que están xestionándose teñen o obxectivo de seguir formando ás redeiras da Federación. “Nestes meses non organizamos nada porque é imposible cumprir os requisitos que nos marca a situación sanitaria”, di. Así mesmo, entre outros proxectos, tiveron que pospoñer as convivencias que realizan cada ano coas redeiras do resto de España

No momento en que as redeiras comezaron a levantar a voz houbo represalias. Tras contactar coa Administración lanzouse un proxecto chamado Enredadas en colaboración con Artesanía de Galicia, que apoia todos os traballos artesáns. Comezaron a facer cursos con recortes de rede ou utilizando a que se recicla para facer bixutería e bolsos, roupa ou complementos do fogar. Está previsto que a principios de ano lancen o remate para que a continuación poidan fabricar e vender. Nas últimas semanas, tamén participaron nun curso de márketing e vendas para saber calcular o precio que hai que poñer a cada produto e non saír perdendo.

MESES DE INCERTEZA. Coa pandemia gran parte do sector da pesca viu afectada a súa actividade. Ao parar os barcos non rompen as redes e en consecuencia as redeiras non teñen que realizar arranxos. “As que traballan na casa, en palangre, artes menores dependen dos barcos que están en altamar e no mes de marzo non poideron facer relevo e vir a terra”, explica. Por outra parte, os paños utilizados nas artes menores proveñen de China e nun principio non había circulación de mercancías. “Estivemos moi paradas. Agora non estamos ao 100% pero polo menos estamos traballando”, confesa.

Cargando reproductor ...

As redeiras continúan cos seus traballos a pesar da choiva no porto de Portosín. Foto: O Peirao.

Longas e duras xornadas que a sociedade non valora
“Nunca se plantexaran quen facía este traballo nin que había que facelo”

Verónica Veres Tasende (1981), de familia de mariñeiros, decidiu introducirse neste oficio no 2006. Cunha filla de cinco e anos e unha recén nacida propúxose facer un curso en Malpica coa única idea de pasar o tempo. “Naquel momento había un descontrol de aparellos e nada estaba regularizado. Falei cunha intermediaria da zona para ver si me daba traballo e a partir de ahí fun collendo práctica”, conta a presidenta da Federación galega de redeiras artesás. No 2013, xunto ao seu marido crearon unha embarcación, pasando así de ser redeira común a socio-colaboradora. “Fas o mesmo traballo pero en vez de traballar para diferentes barcos, fágoo para un mesmo”, detalla.

Verónica non ten un horario estipulado. O seu traballo depende da arte de pesca á que vaia o seu home en cada momento. El marcha a faenar sobre as 02.00 horas da mañá e retorna sobre as 12.00 horas do mediodía. “Encárgome de que estea todo listo para que el poida saír. Se non teño aparellos, ocúpome do papeleo, das ventas e de controlar que haxa carnada”, di.

Así mesmo, as redes non teñen días festivos e se hai avarías deben acudir no momento. As que traballan ao mesmo tempo están unhas dez horas xuntas todos os días do ano. Hai risas, choros, alegrías, enfados... Vívese todo con moita intensidade e “hai xornadas nas que o cansazo vence”. Verónica considera que o máis duro da profesión é a parte que lle toca vivir ás compañeiras que están sempre polos portos. “Hai algúns que non teñen cuartos de baño nin sitios para comer. A isto hai que sumar que podes estar á auga ou ao sol”, aporta. As posturas nas que permanecen durante moitas horas tamén son complexas. Para as que están dentro, como é o seu caso, o peor é o peso dun aparello seco que pode estar superarar os 30 kilos.

Pero non todo son puntos negativos. As redeiras federadas participan anualmente en congresos e reunións para seguir loitando pola visibilidade do seu oficio. “É moi bonito poder reunirte con compañeiras doutros lugares e compartir vivencias”, manifesta.

Hai persoas que non saben que existen as redeiras e fóra da Comunidade o descoñecemento é moito maior. “Nos últimos anos chámannos rapaces e rapazas que para o seu proxecto de final de carreira veñen a descubrir quenes somos. Nunca se plantexaran quen facía este traballo nin que había que facelo”, sinala. Queda moito por facer e por recoñecer. As redeiras seguirán loitando para que todos sexan conscientes de que sen a súa actividade os barcos non poderían ir ao mar.

06 dic 2020 / 10:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.