Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 02 diciembre 2021
02:15
h

Reforzarán a seguridade en dúas rúas da capital laxense

A Deputación da Coruña aportará 99.360 euros para que o Concello de Laxe mellore a seguridade viaria nas rúas Cruceiro e Cesáreo Pondal, dotando ademais de saneamento a esta última. As obras están en fase de licitación ata o 8 novembro.

A rúa Cesáreo Pondal transcorre paralela á praia, encontrándose no seu percorrido servizos públicos importantes como a Casa do Concello, o centro de saúde municipal, a biblioteca pública, as dependencias da Garda Civil e a Policía Municipal. Co obxectivo de adecuala ás necesidades actuais da cidadanía, executarase unha nova rede de saneamento con tubaxe de PVC no tramo comprendido entre as rúas José Vidal García e Travesía Atalaya, onde a rede de fecais se atopa en mal estado, producíndose continuos atascos e algún caso puntual de verquidos esporádicos.

O investimento provincial permitirá dar solución a esta problemática coa instalación dun novo sistema que partirá dun pozo existente próximo á intersección coa rúa José Vidal García e que se enlazará co que está preto do cruzamento coa Travesía Atalaya. O servizo instalarase en paralelo ao existente, que se eliminará unha vez funcionen as novas instalacións, que dispoñerán de sete novos pozos. O carril no que se executará esta medida será reposto.

Ademais, co obxectivo de reducir a velocidade dos vehículos na rúa Cesareo Pondal, crearanse dous pasos de peóns elevados, un próximo á intersección coa vía José Vidal García e outro diante do centro de saúde. Deste xeito, búscase mellorar a seguridade dos peóns e peoas que discorran pola zona. Tamén se proxectará outro paso de peóns no cruzamento coa rúa Atalaya. Dentro das medidas de seguridade viaria na contorna, reporase un tramo de firme de 50 metros cadrados nun dos laterais do centro de saúde, que na actualidade está deteriorado.

No tocante á rúa Couceiro, que comunica a estrada AC-429 coa AC-433, mellorarase o firme de 260 metros de vía a través dunha capa de MBC para incrementar a seguridade do espazo. Así mesmo, colocaranse a cota os doce sumidoiros e as catorce tapas de rexistro existentes e pintarase nova sinalización.

O prazo de execución estimado para levar a cabo esta iniciativa é de dous meses.

22 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.