Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Renovación e actualización do pavillón carballés do CEIP Gándara-Sofán

A concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, visitaron o CEIP Gándara-Sofán para ver o desenvolvemento das obras que está a levar a cabo a empresa Vázquez y Reino no pavillón polideportivo do colexio. O groso do investimento, que acada os 208.579,69 euros, vai destinado á renovación da cuberta, pero tamén se realizarán outras importantes melloras na instalación deportiva.

Durante a visita, os concelleiros estiveron acompañados polo equipo directivo e polo arquitecto Roberto Souto, autor do proxecto e director de obra, que explicou os traballos que se están levando a cabo. A finalidade principal do proxecto é mellorar a experiencia e as necesidades dos usuarios do pavillón, que son, maioritariamente, os alumnos e alumnas do colexio.

Deste xeito, a vella chapa metálica do tellado, que provocaba moitos problemas nos días de choiva, xa foi retirada e será substituída por unha cuberta mediante panel sándwich con illamento incorporado. Tamén se incorporarán novos elementos de recollida e evacuación das augas pluviais, e modificarase a propia rede de pluviais do pavillón.

As obras que se levan a cabo aproveitando as vacacións de verán inclúen tamén a substitución do panel metálico da fachada oeste, xa que presenta os mesmos problemas que a vella cuberta. Renovarase tamén o pavimento, o marcado dos campos de xogo e o pintado interior, ao tempo que se instalarán gradas prefabricadas para acomodar ao público dos eventos deportivos, e instalarase un rocódromo para a práctica da escalada e diverso equipamento deportivo: canastras retráctiles, porterías, etc.

O pavillón polideportivo, ademais, quedará conectado co edificio principal do complexo educativo a través dunha pasarela cuberta. E ademais crearase un novo acceso que permitirá acceder ao complexo sen interferir na actividade docente.

15 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.