Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Repaso á rede viaria de vinte e cinco lugares no municipio larachés

A Laracha. O Concello larachés iniciou o procedemento de contratación de proxectos dirixidos a mellorar a rede viaria. O investimento total alcanzará os 424.000 euros, que serán cofinaciados pola Deputación da Coruña ao estar incluídos no POS+ 2022.

Todas as intervencións proxectadas contemplan a renovación da superficie de rodadura e a correspondente sinalización horizontal e vertical en estradas situadas en núcleos de poboación rural ou ben nos seus accesos.

Na parroquia de Lendo intervirase en O Canle, Samiráns e O Cruceiro Novo. Neste último lugar tamén se colocará un pavimento diferenciado con adoquín de granito no perímetro do cruceiro para aumentar a súa protección, así como a canalización da rede de recollida de pluviais e a instalación dunha bionda de seguridade. En Cabovilaño no lugar de A Braña será ampliada a plataforma da calzada e canalizada a rede de recollida de pluviais. Ademais, actuarase para mellorar a estrada de O Cancelo.

En Montemaior a intervención de maior entidade afecta a O Raño, onde será reforzada a seguridade viaria coa instalación dunha bionda debido ao desnivel existente cos terreos adxacentes. Así mesmo, contémplase unha actuación na estrada que comunica A Baiuca con A Pena.

Na parroquia de Torás os traballos localizaranse nos núcleos de A Portela e A Barreira e na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo, e en Vilaño as obras previstas afectarán aos núcleo de O Formigueiro e Os Meáns e á estrada que vai desde A Botica ata O Pino.

En Soutullo intervirase en O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira, contemplando esta última obra melloras na rede de pluviais, e en Lestón será mellorada a vía que dirixe á igrexa parroquial de San Martiño desde A Rabadeira.

En Soandres hai proxectadas dúas intervencións nos núcleos de Borreiros e Curros. Do mesmo xeito en Coiro están previstas dúas obras en O Coto (inclúe ampliación da rede de pluviais) e As Meneiroas. Tamén se realizarán actuacións nas parroquias de Golmar (O Igrexario) e Erboedo (Paredes).

En total todas estas obras de mellora afectarán a vinte e cinco núcleos de poboación de once parroquias.

17 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.