Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Repunte na apertura de locais de ocio nocturno e a industria en Carballo

Carballo. A falta de contabilizar o último trimestre, en 2022 lévanse rexistradas no Concello de Carballo 52 comunicacións previas de inicio de actividade, trámite necesario para a posta en marcha dunha actividade empresarial, coa hostalería e a industria como máis dinámicos.

No primeiro caso destaca a reapertura de establecementos dedicados ao ocio nocturno que levaban pechados dende o inicio da pandemia e nalgúns casos incluso dende antes, pero tamén continúan as iniciativas vinculadas ao turismo. De feito, na última xunta de goberno local aprobouse unha licenza para a construción de dous apartamentos turísticos en Razo. E ademais empeza a haber actividade vinculada á próxima posta en marcha do parque comercial da Revolta, para o que xa se tramitaron dúas comunicacións previas: unha para un establecemento de comida rápida e outra para un negocio de produtos do fogar e decoración.

En canto ás iniciativas industriais, unha vez máis demostran o dinamismo do polígono de Bértoa, no que, aínda tras o cambio de uso de dúas parcelas, só quedan cinco dispoñibles. Precisamente Xestur ten en marcha un novo concurso para adxudicación de solo industrial en toda Galicia, cun prazo para presentar ofertas ata as 14.00 horas do vindeiro día 30 de novembro, dentro do cal figuran esas cinco parcelas.

No polígono industrial de Bértoa empezarán a funcionar ao longo deste ano empresas dos sectores da automoción, a construción, a prestación de servizos a empresas e incluso unha fábrica de produtos lácteos, entre outras.

Pero a falta de solo xa está obrigando a instalar empresas fóra do polígono, e así este ano tramitáronse comunicacións previas para empresas de fabricación en Oza ou Verdillo, por exemplo.

Entre as novas actividades comerciais e de servizos que están comezando este ano en Carballo hai, ademais, establecementos de telefonía, estética, téxtil, veterinaria, comida rápida, automoción, repostería, alimentación, informática, xardinería, danza, adestramento persoal ou bazar, entre outras. Unha ampla gama de sectores que teñen moito que ver coa arraigada tradición comercial da capital bergantiñá. manuel boo

02 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.