Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Grazas á técnica do gradiómetro pódese investigar sen alterar este recinto castrexo malpicán ocupado dende finais da Idade do Ferro // Aconsellan seguir a estudar o poboado cun xeo-radar // Cartuchos de caza usados ocultan os restos TEXTO Lorena Rey

Resultados satisfactorios tras a prospección da Croa do Castro

As sondaxes con gradiómetro na Croa do Castro de Cerqueda (Malpica) realizadas no mes de novembro revelaron a existencia dunha gran fortificación amurallada cunhas dez vivendas circulares e camiños interiores. Unha prospección pensada co propósito de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico do municipio.

No ano 2015 fixérase unha primeira intervención xeofísica que consistira nunha limpeza do sitio promovida por unha asociación de veciños de Malpica xunto ao Concello. Empregárase un gradiómetro nunha zona pequena do castro, e percibírase que tiña unhas condicións óptimas para ese tipo de técnica. Dende aquela estívose agardando para facer unha prospección completa que finalmente chegou no outono de 2020.

Coa técnica do gradiómetro o único que se precisa é marcar unhas mallas sobre o terreo cunhas estacas, e logo, prospectar eses cadrados co equipo. “Non precisa de escavación e de ningunha alteración do xacemento”, apunta Carlos Otero Vilariño, arqueólogo e director da intervención, a cal se fixo en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit). Deste xeito, durante cinco días preparáronse as mallas e distribuíronse adecuadameante por todo o xacemento para facer o estudo da terra. O seguinte paso foi o procesamento dos datos para interpretar así os resultados.

A Croa do Castro é un poboado fortificado. “Entendemos pola súa morfoloxía e por onde está ubicado que é un castro habitado a finais da Idade do Ferro, abandonado xunto a ocupación romana”, explica Carlos Otero. Este xacemento de forma oval está rodeado por un terraplén que o eleva uns catro ou cinco metros e pola parte de fóra desa pendente percíbese unha liña de muralla de pedra de cando en vez, segundo conta o arqueólogo. Tamén comprobaron que ademais da muralla externa, había outra de liña de pedra interna non visible rodeandoo.

A maiores atoparon a entrada orixinal do castro e outras feitas en tempos modernos para o acceso de maquinaria, e documentaron unha serie de estruturas encerradas que probablemente sexan camiños e divisións de parcelas feitaspolos campesiños que traballaban por ese lugar a terra, despois de que fora abandonado o poboado castrexo.

Por outra banda, apareceu un grupo de anomalías que responden a uns sinais de forma circular de entre 5 e 7 metros de diámetro en total, na zona norleste do poboado, que poden ser a pegada dalgunhas cabanas circulares. “Por desgraza, a banda oeste foi estudada, pero non deu resultado porque está chea de cartuchos de caza baleiros que ao ser metálicos tapan os restos arqueolóxicos que pode haber debaixo”, engade a mesma fonte.

OUTRA TÉCNICA. Con estes datos, o arquéologo comenta que é recomendable que despois de facer unha prospección co gradiómetro se realice unha segunda con outra técnica como pode ser o xeo-radar para así contrastar resultas. “O bo do radiómetro é que permite prospectar unha superficie grande, en pouco tempo e a baixo custe. Co xeo-radar, a inversión é maior polo que plantexamos centrar máis o traballo e analizar só a parte do xacemento máis interesante”, apunta. Deste xeito toca valorar se o traballo se pode facer con xeo-radar ou escavación co propósito de obter restos arqueolóxicos. O Concello de Malpica foi o que financiou a recente sondaxe-prospección, e agora “estamos buscando financiamento doutras administracións ou entidades”.

03 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.