Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Roza e mantemento en máis de mil douscentos quilómetros de viais

Carballo mobiliza cada día entre cinco e dez tractores para limpar as estradas locais

Carballo. Con máis de 1.200 quilómetros de vías de titularidade municipal e a necesidade de concentrar os labores de roza e mantemento nos meses de verán para que sexan máis efectivos e duradeiros, a limpeza das marxes das pistas e a posta a punto do firme convértese nesta época do ano nunha tarefa contra-reloxo no Concello carballés.

Por primeira vez, contan cun servizo de mantemento integral no que traballan operarios municipais e empresas externas, “e a nosa intención é aproveitar ao máximo a época estival para ter as pistas municipais nas mellores condicións posibles antes do inverno”, afirman.

Os traballos comezaron pola zona costeira. Para os labores de roza están dispoñibles a diario entre 5 e 10 tractores. Tamén se están a acondicionar os espazos públicos: agora mesmo, o circuíto de velocidade de Bértoa e a continuación, o polígono industrial.

Mentres avanza a roza polas parroquias de Bértoa e Goiáns, nas vías das parroquias do litoral que xa están limpas comezaron os asfaltados. Estes días centráronse na parroquia de Vilela.

O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas inclúe, por unha banda, as estradas das parroquias e, por outra, as rúas urbanas. A empresa Construcciones López Cao é a encargada dos traballos, que constitúen un dos tres eixes do novo servizo integral de mantemento, xunto coa sinalización e a roza. A estabilidade do servizo garantirase con contratos de ata cinco anos con empresas especializadas en cada un destes ámbitos, o que permitirá atender coa maior celeridade calquera incidencia relacionada coas rúas, pistas e estradas pavimentadas de titularidade municipal. O investimento total sitúase arredor dos 2,5 millóns de euros.

Tamén está en marcha o servizo de conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, do que se encarga a empresa SACYR Conservación. E o terceiro eixe é o de roza das vías, que se divide en dous lotes: un para espazos de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias. Do primeiro encárgase a empresa de José Luis Campos Campos, encargada da roza de zonas como o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, o circuíto do motor, a Ruta das Férvedas, zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, parcelas urbanas municipais, campos da festa de todas as parroquias e baldíos en solo rústico.

En canto á roza de vías, o contrato vén de ser adxudicado á firma Jardincelas, e está pendente a sinatura do contrato. Os traballos servirán para reforzar o servizo dos tractores municipais e para axilizar as tarefas de roza en 270,5 quilómetros de vías, tanto mecánico coma manual nas zonas precisas, coma nas contornas de postes, báculos de luminarias, contedores de lixo ou calquera outro elemento singular, así coma nos treitos nos que non sexa posible usar medios mecánicos.

05 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.