Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rubén Lorenzo será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Carballo

Carballo. O portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, anunciou que será o candidato á alcaldía carballesa nas eleccións municipais do vindeiro ano. Nun acto no que estivo apoiado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial, Diego Calvo, e polo secretario xeral dos populares na Coruña, Evaristo Ben, Lorenzo apelou á “unión e ao traballo” como vía para conseguir que Carballo recupere a súa condición de cabeceira de comarca e “volva ser a locomotora que tira da Costa da Morte”.

Con este obxectivo, o popular reclamou a axuda de toda a familia popular para conseguir que “Carballo volva ser o que nunca debeu de deixar de ser. Un lugar con futuro, ao que a xente quere vir, unha referencia industrial da comarca e un sitio onde os veciños teñen todas as súas necesidades cubertas”, indicou.

O candidato popular fixo fincapé en que o seu proxecto pretende “acabar con ese mantra que tingue calquera acción, e calquera inacción, calquera xustificación e calquera argumento: ese mantra de conmigo ou contra min que marca a maneira de facer política do BNG en Carballo”.

Pola súa banda, Diego Calvo aproveitou a súa intervención para facer un balance do compromiso que a Xunta de Galicia demostrou con Carballo e coa comarca a través duns orzamentos “pensados para o progreso da contorna”, e agradeceu ao candidato popular o seu traballo durante os últimos meses en aras de lograr unha unión que cualificou de “fundamental” para que a súa formación volva ser a lista máis votada.

Ademais, incidiu en que o anuncio da candidatura de Rubén Lorenzo á alcaldía de Carballo é só o primeiro paso de todo o que queda por facer. “A partir de agora hai que formar un equipo, remar todos na mesma dirección, presentar propostas, manter o partido activo e vivo, escoitar aos veciños e estar na rúa”, apuntou.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, mostrouse moi crítica coa xestión do actual goberno nacionalista da cidade, e non dubidou en afirmar que “Carballo leva 20 anos lastrado por un goberno do BNG que é o mellor exemplo do ‘non’ sistemático a todo e da contradición constante que caracterizan aos nacionalistas galegos”.

11 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.