Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Segue crecendo a rede de abastecemento de auga en Carballo

As obras estanse a realizar na estrada que une Santa María de Ardaña e Canosa // Inclúense outros proxectos para mellorar o servizo en diversas parroquias cun presuposto de 2,5 millóns de euros

Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata Rus aproveitando o inicio das obras de abastecemento de auga ao longo da estrada provincial, entre Santa María de Ardaña e Canosa. A actuación, que foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de 278.034,65 euros, permitirá levar o servizo aos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa, o que suporá a instalación de 8.635 metros de tubaxes. O proxecto está deseñado para garantir o subministro a unha poboación de 474 persoas, fixando como horizonte o ano 2030.

A extensión da rede municipal de auga potable é unha prioridade para o goberno municipal, como demostran os proxectos que teñen en marcha nestes momentos, e que acadan os 2,5 millóns de euros de orzamento, así como o feito de que o maior investimento realizado ata o momento polo Concello de Carballo con fondos propios é o abastecemento a Oza e Razo, que está practicamente rematado. A obra, que foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 1.226.456 euros, permitirá abastecer os lugares de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados, na parroquia de Razo, e a Vilar do Carballo, As Encrucilladas, Oza Vella, As Torres e o Rodo, na de Oza.

OUTROS PROXECTOS. Para completar o servizo na parroquia de Oza e continuar estendéndoo cara a de Goiáns, xa está en contratación o proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga para estender o subministro aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns). O investimento, incluído no POS+ 2020, acada os 171.006,65 euros.

Tamén está en contratación o proxecto para darlle continuidade á rede dende Razo ata Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros. A maiores, nos núcleos de Cambre e Cambrelle está previsto acometer un específico que incluirá tanto a rede de abastecemento coma a de saneamento.

Entre os proxectos en contratación tamén figura o de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, coas que se daría servizo a un total de 32 vivendas e completaranse as redes na parroquia de Berdillo. O investimento acada os 275.000 euros.

Ademais, procederase coa ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar de Vella Morta, que permitirá dar servizo ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo e renovar un treito que está moi deteriorado.

05 nov 2020 / 12:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.