Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Segundo coworking en Carballo para dezaoito emprendedores

As persoas cunha idea de negocio poderán facer uso do espazo no Fórum doce meses // As empresas de recente creación disporán do local durante tres anos

A capital de Bergantiños acollerá a segunda edición do Carballo Coworking para ofrecer ás persoas emprendedoras e empresas de nova creación da Costa da Morte un espazo de traballo colaborativo, destinado a impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de iniciativas empresariais vinculadas, preferentemente, ao ámbito da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, o sector audiovisual, o turismo ou a investigación e a economía social.

Todas as persoas cunha idea de negocio e empresas de menos de dous anos de antigüidade que estean interesadas en acceder a un dos dezaoito postos de traballo habilitados neste espazo, situado no segundo andar da nave 1 do Fórum Carballo, poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Carballo seguindo os requisitos establecidos no regulamento de funcionamento das instalacións.

No primeiro caso, o prazo máximo de permanencia no espazo será de 12 meses, mentres que no segundo poderá prolongarse ata os 3 anos. Ademais de dispoñer dun local totalmente de balde para traballar, as persoas usuarias deste coworking, impulsado pola concellería de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña desde o un de marzo de 2020, poderán beneficiarse dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito.

Así, aos 156 metros cadrados habilitados para os postos de traballo haberá que sumarlle un auditorio con capacidade para un cento de persoas; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas e de intercambio de experiencias e ideas; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción-administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais e conexión a Internet de alta velocidade por cable e wifi.

A lista de vantaxes vai más alá do uso das instalacións, ofrecendo outros valores engadidos, como a capacidade de descubrir novas oportunidades de negocio, promover sinerxías, crear espírito de comunidade, sesións de networking e diversas accións formativas, entre outras.

Os interesados poden informarse a través de coordinacion@coworkingcarballo.gal ou chamando ao número de teléfono 881 983 520.

A primeira edición do Carballo Coworking resultou un éxito de participación, con 13 iniciativas empresariais en marcha e 17 usuarios en activo, procedentes dos municipios de Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo, desenvolvendo as súas ideas e proxectos sobre economía social, artesanía ou téxtil xunto a empresas de nova creación, nas que traballaban autónomos e profesionais independentes dos ámbitos da cultura, a fotografía ou o deseño.

A pesar dos momentos de incerteza, moitas das iniciativas aloxadas no coworking carballés lograron triunfar acadando grandes éxitos, como Breiko Breiko, unha app para transportistas, deseñada por tres usuarios da comunidade para mellorar a mobilidade por estrada, que logrou ser número un en Google Play en tan só un mes e que na actualidade xa supera as quince mil descargas.

comarcas@elcorreogallego.es

16 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.